En portadaÚltima hora

Un proxecto valdeorrés recoñecido cun premio de deseño a nivel internacional

O estudio de interiorismo estratéxico Iván Cotado faise co galardón German Design Award 2020

O barquense Iván Cotado no seu estudio./ Foto: © Antón Álvarez

 

O estudio de interiorismo estratéxico do barquense Iván Cotado vén de recibir o prestixioso premio German Design Award 2020 polo proxecto do restaurante coruñés Koh Lanta. Esta obra ten sido destacada entre os 130 mellores proxectos de arquitectura interior de todo mundo.

Así o proxecto deste restaurante foi recoñecido entre máis de 1.500 proxectos nomeados na área de arquitectura, dos que 130 foron seleccionados finalmente como ganadores. Deles, só outros 3 proxectos máis son españois. Este traballo xa contaba co Premio Hostelco ao mellor proxecto de interiorismo en restauración e co Premio Incitus á proposta hostaleira máis innovadora de Galicia.

Os German Design Awards son o máximo galardón internacional outorgado polo Consello Alemán do Deseño (German Design Council) do Ministerio de Economía e Tecnoloxía de Alemaña e céntranse nos logros destacados en diferentes eidos do deseño e da comunicación. Sitúanse entre os concursos de deseño máis prestixiosos a nivel internacional.

O director creativo deste estudo, Iván Cotado, asegura que este galardón supón “un magnífico recoñecemento ao traballo dun estudio modesto, cun plantexamento artesanal e estratéxico do deseño interior de negocios”, destacando a “diferenza do orzamento do proxecto comparado con outras obras galardoadas”.

O estudio Iván Cotado Deseño de Interiores conta con máis de 15 anos de experiencia a nivel nacional. “A partir da fusión de interiorismo e marketing especializouse no deseño de espazos corporativos estratéxico-rendibles, e avoga por un interiorismo global centrado en crear negocios viables, funcionais, singulares e totalmente personalizados”, tal e como explican dende o estudio.

Artigos relacionados

Back to top button