En portadaÚltima hora

Un recorte de 60 millóns de euros a Correos porá en perigo os servizos no rural

Comisións Obreiras non descarta convocar folgas en toda España no caso de aprobarse o recorte nos Orzamentos Xerais do Estado
No caso de aprobarse o recorte convocaríase unha folga.

A sección sindical postal de Comisións Obreiras vén de pór en manifesto a súa disconformidade ante “un recorte de 60 millóns de euros no Servizo de Prestación Universal, SPU”, dixo o responsable desta sección en Ourense, Amador González Pumar. Este recorte aparece reflectido nos Orzamentos Xerais do Estado que en breve serán levados ao Congreso dos Deputados para a súa aprobación.

O Servizo de Prestación Universal, explicou González Pumar, é unha normativa europea na que “hai que garantir a chegada de correo os 5 días da semana sen importar o lugar”. Dende Comisións Obreiras aseguran que esta “tallada” no orzamento do operador público suporá “perdas de postos de traballo e, por ende, a redución de servizo postal en moitos puntos da provincia”. En concreto, Amador González referiuse “á zona oriental da provincia”, que abrangue zonas de Valdeorras ou Trives. O sindicalista reiterou que o SPU é “clave” para Galicia “debido á poboación dispersa”. Argumentou que a perda deste servizo Universal fará que moita xente se teña que desprazar até as oficinas das principais vilas para recoller o correo ou un paquete, “e iso pode supor un problema para á xente maior, que hai moita no rural, que non teña xeito de desprazarse cara a unha oficina”, dixo. Asemade, tamén afectará a moitos postos de traballo.

Con todo, González Pumar asegurou que está previsto que se leve unha proposta non de lei ao Congreso dos Deputados para evitar que se faga esa baixada no orzamento de Correos porque “se estamos no ano da recuperación, non se explica que reduzan o orzamento”.

Dende o sindicato aseguran que aprobares esa redución orzamentaria “vanse convocar folgas nas oficinas de Correos de toda España”.

Artigos relacionados

Back to top button