Ourense

Un ritual en torno á primavera

Como cada ano, o primeiro domingo de maio (día 3), Ourense acollerá a tradicional Festa dos Maios
Este maio artístico participante do concurso do ano pasado, representa a unha pulpeira.
Este maio artístico participante do concurso do ano pasado, representa a unha pulpeira.

A dos Maios é unha ancestral festa celebrada en toda a provincia de Ourense pero de forma moi especial na cidade, chegando a converterse nun dos principais actos festivos do ano, así como un dos que máis expectación levanta, ata o punto de chegar a ser declarada polo Consello da Xunta de 4 de outubro de 2001, Festa de Galicia de Interese Turístico na provincia de Ourense.

Cada ano, coa proximidade do mes de maio chega o tempo de culto á árbore florida da nenez e da xuventude, símbolos de vida e de fecundidade. É o tempo da primavera, da natureza, da montaña galega… E para honrala, nada mellor que carrozas de flores e froitos de formas moi diversas. Ao seu carón, artistas recitando coplas e cantares satíricos e retranqueiros con claras alusións a polémicos temas de actualidade. Niso consiste a Festa dos Maios que o primeiro domingo de maio (nesta ocasión día 3), encherá as rúas do casco vello de Ourense, nun fervedoiro de xente para asistir ao concurso de esculturas e coplas no que se involucran os diferentes colectivos. Cada ano é o propio Concello o encargado de elaborar o programa que inclúe todo tipo de actividades, dende exposicións fotográficas ata actuacións musicais, facendo especial fincapé na mostra de maios que optarán a un premio. Con ese fin, cun mes de antelación fai públicas as bases de participación que levan implícitas a súa aceptación.

Ao peche desta edición aínda non estaba confirmado o programa deste ano, pero segundo outras edicións, para o concurso os maios divídense en dúas modalidades. Por un lado están os enxebres, con formas basicamente piramidais que dalgún xeito representan á montaña, ou ben de cruceiro. E por outro lado están os artísticos no que cabe todo tipo de figuras, poñendo a proba a imaxinación e a destreza dos artistas, podendo participar tódalas asociacións culturais, colexios, grupos, colectivos veciñais, entidades e calquera persoa que o desexe, sempre que sexa maior de idade.

Maios tradicionais no casco antigo de Ourense.
Maios tradicionais no casco antigo de Ourense.

Iso si, as construcións que se presenten ao concurso terán que ser realizadas integramente para a ocasión e non utilizar obxectos recubertos. O musgo que se utilice deberá estar cosido ao esparto, nunca pegado e os materiais a empregar serán tradicionais: madeira, sacos de esparto, musgo, xestas, uces, carqueixas, carrabouxos, flores silvestres…

Xunto aos maios, os participantes que así o desexen cantarán as súas coplas nas que se valora a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados, sen botar man de palabras malsonantes.

O xurado é sempre o encargado de puntuar tanto maios como coplas para elixir aos gañadores, premiando o traballo que os participantes levan a cabo na festa da primavera en Ourense.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button