CulturaCulturaÚltima hora

Un roteiro, teatro, música, cine e a presentación dun libro, entre os actos cos que Viana conmemorará o Día da Muller

O programa, deseñado polo Concello a través do CIM, iniciarase o 9 de marzo e continuará ata o día 29

 

Con motivo da conmemoración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, o Concello de Viana do Bolo, a través do seu Centro de Información á Muller (CIM), ten previsto realizar unha “serie de actos e actividades de promoción da igualdade entre a veciñanza vianesa”, tal e como se sinalaba na presentación do programa que tiña lugar esta mañá.

Os actos darán comezo o luns 9 de marzo coa proxección dun filme por parte do Cine- Clube A Lanterna. Ademais, o domingo 15 de marzo terá lugar a representación teatral “Tabú”, que nace froito das conversas recollidas con mulleres galegas de entre 70 e 95 anos sobre a súa vida íntima de xuventude.

O 24 de marzo desenvolverase a segunda Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero , que contará coa presenza de tódolos organismos locais implicados na prevención e loita contra a violencia. Representantes políticos, da garda civil, servizos sociais, centros de ensino, centro de saúde, CIM, etc. reuniranse nesta xornada para coordinar os seus traballos e avaliar os esforzos que se están a facer para rematar coa violencia machista.

Os actos proseguirán o venres 27 de marzo coa proxección do documental “Tódalas mulleres que coñezo” da galega Xiana do Teixeiro. É un documental premiado a nivel nacional e internacional que “retrata as vivencias de mulleres moi diversas que evidencian o masculinizada e violenta que segue a ser a rúa hoxe en día. En tres conversas reveladoras con amigas, colaboradoras e estudantes de secundaria, a directora busca artellar un discurso sobre o medo que non fomente o miedo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento”, segundo o Concello. A proxección contará coa presenza da directora quen conversará e debatirá co alumnado do IES Carlos Casares asistente ao visionado do documental.

O logo do deseño do cartel dos actos do Día Internacional da Muller é este ano obra de Manuela H.S., alumna do IES Carlos Casares de Viana.

 

 

O sábado 28 de marzo terá lugar o concerto do grupo feminino The Tetas’Van” e o domingo 29 farase a actividade ”Contando Viana en Feminino”, un interesante roteiro polas rúas de Viana do Bolo no que narraremos a importante contribución que as mulleres fixeron a historia da nosa vila e comarca.

A xornada rematará coa presentación do libro “Femenino Plural”, na que contaremos cunha das autoras do mesmo, a vianesa Manoli Vicente, quen falará do libro, da súa faceta como escritora e da súa participación en outras obras literarias entre outras cousas.

Ademais dos actos organizados polo CIM, o domingo 8 de marzo terá lugar unha concentración ás 12h na Praza Maior de Viana do Bolo organizada pola Asemblea Feminista de Viana do Bolo, que contará coa colaboración do Concello de Viana do Bolo.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button