ConcellosQuirogaÚltima hora

Un San Martiño sen magosto nin viño novo na praza Maior de Quiroga

Neste 11 de novembro de 2020 a Feira do Viño de Quiroga celebraría o 40 aniversario

A corporación municipal de Quiroga coa imaxe de San Martiño. Foto: RTMQ.

 

Non houbo magosto nin viño novo na praza Maior. Foi unha celebración totalmente inusitada na que faltaron moitas cousas xa tradicionais desta xornada, pero Quiroga non quixo deixar pasar o día de hoxe, 11 de novembro, sen honrar ao seu patrón, o San Martiño.

Non houbo procesión pero a imaxe do santo presidiu unha celebración relixiosa á que acudía parte da corporación municipal. Unha celebración marcada tamén pola limitación de aforo. A música que soou boa parte da mañá polas rúas da vila a cargo do grupo O Recanto, tamén acompañou os oficios relixiosos.

Pola tarde volveu a música. O grupo de música tradicional Entre Lusco e Fusco lembraba aos veciños a xornada festiva. Unha festa na que non se asaron as castañas na praza Maior, pero o magosto estivo presente en moitas das casas dos quirogueses, sobre todo no barrio da praza, lugar no que esta festividade se viviu sempre máis intensamente, chegando a todas as pequenas pantallas da man da Televisión Municipal de Quiroga que emitiu un programa especial con imaxes da edición do San Martiño de 2019.

 

Asando castañas na praza Maior de Quiroga o ano pasado. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Magosto en Quiroga, antes da pandemia. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tampouco correu o viño novo na festa, nunha xornada que este ano tiña dobre celebración, pois cumpríanse corenta anos dende a primeira edición da Feira do Viño de Quiroga, que escollía o 11 de novembro do ano 1980 para iniciar a súa andaina.

Artigos relacionados

Back to top button