OurenseÚltima hora

Un “solidus” de ouro de Honorio do castro Santomé, “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico de Ourense

A súa presentación está prevista para o vindeiro 13 de novembro ás 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense)

“Solidus” de ouro de Honorio atopado no xacemento de Santomé (Ourense). Foto:: Fernando del Río.

 

A “Peza do Mes” de novembro do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense é unha das moedas máis tardías recuperadas no conxunto arqueolóxico-natural de Santomé (Ourense). Xunto cun amplo número de obxectos de época tardorroma, axuda a datar a etapa final de ocupación deste xacemento entre finais do século IV e o primeiro cuarto do século V despois de Cristo.

Esta peza, atopada de forma casual en superficie no 2003, é un sólido de ouro, en moi bo estado de conservación, acuñado por Honorio, primeiro emperador romano de Occidente (395-423 d. C.). “A tipoloxía que figura no anverso da moeda é o busto de Honoro, de perfil, con diadema de perlas, manto e coiraza, mirando á dereita, coa lenda DN HONORIVS P F AVG. No reverso, o emperador de pé á dereita portando estandarte e Vitoria sobre globo e co seu pé esquerdo pisando un cativo”, tal e como o describe Belén Lorenzo Rumbao na publicación sobre a Peza do Mes do museo. Esta investigadora será a encargada de presentala nun acto que está previsto para o vindeiro mércores 13 de novembro ás 20h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense).

O solidus, unha moeda creada por Constantino I o Grande no 310 ,substituíu ao antigo aureus, se ben tiña un peso máis reducido que este. Malia á súa acuñación en grandes cantidades, os solidi son “pezas moi escasas no rexistro arqueolóxico. O seu alto contido en ouro ouro, co seu consecuente valor, levou en non poucas ocasións a novas refundicións. Por outro lado, foron pezas sempre obxecto de atesouramento, e conserváronse numerosos exemplares en mans do coleccionismo privado”, prosegue Belén Lorenzo.

Tamén se teñen atopado formando parte de tesouriños. No caso de Galicia poden citarse exemplos deste tipo en lugares como Seadur (Larouco), onde se ten localizado un formado por tres solidi de Arcadio e dous de Honorio.

Ademais os solidi de Honorio serán o tipo de moeda que “servirá como modelo para as primeiras emisións de época sueva no noroeste da península, segundo sinalou xa en 1942 W. Reinhart”, matiza Belén Lorenzo.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close