CulturaCulturaÚltima hora

Un tesouriño medieval de 149 moedas

O Acubillo monetario de Monte Rego, “Peza do Mes” no Museo Arqueolóxico de Ourense
O Acubillo monetario de Monte Rego é a "Peza do Mes" de marzo no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense./ Foto: Fernando del Río/ Museo Arqueolóxico P. de Ourense.
O Acubillo monetario de Monte Rego é a “Peza do Mes” de marzo no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense./ Foto: Fernando del Río/ Museo Arqueolóxico P. de Ourense.

Acostuman ser achádegos casuais. Poden aparecer nas casas, pero tamén lonxe delas, en lugares como leiras ou camiños. Este último era o caso do Acubillo monetario de Monte Rego, atopado na parroquia de San Pedro de Cudeiro, no antigo camiño real de Ourense a Santiago de Compostela. Este recipiente de cerámica gris, que conservaba 149 moedas no seu interior, vén de ser escollido como “Peza do Mes” de marzo polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. A súa presentación está prevista para o vindeiro mércores 18 de marzo ás 20.00 h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). O acto terá entrada libre e nel participarán Purificación Rodríguez García e Francisco Fariña Busto.

Tal e como explican estes dous investigadores na publicación realizada polo museo sobre esta peza, un acubillo monetario é “un conxunto de pezas reunidas de xeito intencionado que foron escondidas polo seu dono e nunca as recuperaría, chegando así ata nós”. Poden ser de diferentes tamaños ou composicións, produto do aforro ou agochados nun momento de perigo ou crise.

No caso do Monte Rego está formado por “por un grupo de moedas dos reinados de Afonso VIII, Afonso IX, Afonso X, Sancho IV, Fernando IV, Afonso XI e Xoán I, cunha cronoloxía dende finais do século XII ata a segunda metade do século XIV. Estas moedas denomínanse diñeiros e son característicos da idade media europea. O seu nome deriva do denarius romano de prata, pero neste caso son de billón, unha aliaxe de prata e cobre cuxas proporcións varían dependendo da época e perdendo progresivamente o contido en prata e, por conseguinte, o seu valor”, citando o traballo de Rodríguez García e Fariña Busto.

Este tipo de moedas foron acuñadas dende finais do século XI ata o século XIV. O maior número das deste acubillo situánse nun período que vai dos últimos anos do s. XII ata finais do s. XIII. Neste senso, os investigadores conclúen que este tesouriño reúne “unha serie de diñeiros que estaban en circulación dende finais do século XII ata finais do século XIV, sobre o ano 1385, posible data da súa ocultación por parte do seu dono, motivada quizais polas revoltas sociais acontecidas no reino de Castela na segunda metade do século XIV, nun lugar é beira do camiño real de Ourense a Santiago de Compostela e que non recuperou”.

Para coñecer máis polo miúdo as características de cada unha destas pezas e o seu valor, nada mellor que achegarse á presentación que ofrecerán os dous investigadores na cidade de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button