EditorialOpinión

Un tesouro de valor mundial

A Galicia interior avanza na súa proxección. A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade é un novo esforzo. Dende o Periódico O Sil desexamos que se materialice

Non é a primeira vez que a idea se pon sobre a mesa. Xa se plantexara na década dos 90, pero agora retómase con forza e está encabezada polas Deputacións de Ourense e Lugo. Pola súa singularidade e riqueza paisaxística, natural ou patrimonial, a Ribeira Sacra (un territorio que estende polas provincias de Ourese e Lugo) merece formar parte da lista de lugares recoñecidos como Patrimonio da Humanidade. De feito, aparece xa dende 1996 na lista española que recolle, por indicación da Unesco, os bens ou sitios con requisitos suficientes para ser candidatos á súa inclusión nesa listaxe.

Este é un punto de partida no que se apoian as institucións provinciais que prevén asinar en decembro un convenio de colaboración para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. De facerse realidade, sería o primeiro recoñecemento deste tipo para a provincia de Ourense, e o segundo para a de Lugo, cuxa muralla romana entraba neste conxunto de bens da Unesco no ano 2000. En torno á posta en marcha desta candidatura xira o tema de En Portada que abre a edición de decembro do Periódico O Sil.

O mundo da medicina forense na provincia é outro dos eixes temáticos desta edición. Nel afondamos da man do subdirector do Imelga en Ourense, o doutor valdeorrés Julio Jiménez Feliz, quen explica en qué consiste esta profesión e revela que nos últimos cinco anos a cifra de mortes por suicidio na provincia supera á dos falecementos por accidentes de tráfico. “Non é un tema só de Ourense, senón de Galicia”, asegura.

Neste número tamén falamos de economía, con referencias á visita realizada polo director xeral do Igape á comarca de Valdeorras e á campaña de Nadal que vén de poñer en marcha AEVA e O Barco CCA. Detémonos asemade na industria cárnica, cunhas páxinas especiais nas que tocamos, entre outras cuestións, a trazabilidade e adiantamos a primeira festa gastronómica do outono en Valdeorras: a XIV Festa da Freba de Petín. Tamén incluímos o bautizo no aeroporto de Barajas (Madrid) do Boeing 767 da compañía aérea Privilege Style, propiedade do empresario trivés Chema Álvarez. Este avión leva o nome do tamén empresario ourensán Eduardo Barreiros, cuxa filla, Mariluz, exerceu de madriña.

Nestas páxinas recollemos ademais o acto de entrega do Premio Ourensanía, en Oseira, a Mons. Frei José Rodríguez Carballo, natural de Lodoselo (Sarreaus), arzobispo de Belcastro e secretario da Congregación para os Institutos da Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button