EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Un total de 16 adegas participarán na XIII Feira do Viño de Monterrei

A mostra celebrarase do 10 ao 12 de agosto na praza da Alameda de Verín e o seu pregoeiro será Castor Gago

Verín prepárase para acoller a XIII Feira do Viño de Monterrei, que se celebrará do 10 ao 12 de agosto na praza da Alameda desta vila. Nesta ocasión participarán un total de 16 das 26 adegas que conforman a denominación, unha máis que na pasada edición. “Esta cifra consolida o apoio do sector vitivinícola a esta iniciativa”, destacaba a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Lara Da Silva Rodríguez, na mañá do 2 de agosto durante á presentación do certame, xunto ao alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, e a edil de Turismo, Purificación Caldelas.

 

Un dos momentos da rolda de prensa de presentación da feira.

 

Esta cita vitivinícola que tamén contará con casetas gastronómicas con produtos da zona, “co obxecto de seguir unindo viño e gastronomía”. O horario de apertura das casetas será o seguinte: venres 10 de 20.00 a 23.00 h. sábado 11 de 11.30 a 14.00 h. e de 20.00 a 01.00 h., e domingo 12 de 11.30 a 14.00 h. e de 19.00 a 23.30 h. Mentres que os prezos tamén se manterán con respecto aos anos anteriores, 5 degustacións por cinco euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.

O acto inaugural da XIII Feira do Viño de Monterrei manterase na Alameda de Verín o venres 10, a partir das 20,00 horas. Nesta edición o pregoeiro será Castor Gago Álvarez, xefe de Extensión Agraria en Verín e un dos maiores impulsores da Denominación de Orixe de Monterrei. Despois do mesmo, tras o pregón e o percorrido das autoridades polas casetas participantes, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei continuará na igrexa da Mercé de Verín, onde se procederá á imposición de medallas aos novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei. O acto estará amenizado polo grupo Dixie Kings, sexteto de Jazz que rememora as bandas rueiras dos anos 10-20 cos seus inconfundibles desfiles.

 

A presidenta da D.O. Monterrei, o alcalde de Verín e as concelleiras de Cultura e Turismo sostendo os carteis da mostra.

 

Por segundo ano consecutivo, desde o Consello Regulador decidiuse convidar a todos os viticultores inscritos no mesmo co obxecto de que participen no acto da Confraría dos Viños de Monterrei. “Do mesmo xeito que se fixo na pasada edición, e na recente conmemoración do 25 aniversario, queremos que sexan partícipes desta iniciativa, xa que sen o seu labor e a das adegas non existiría esta denominación”, indicaba a presidenta da D.O.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, anunciaba que, como novidade nesta edición da Feira do Viño, instalarase un stand de augas mineiromedicinais de Verín no que os visitantes poderán degustar as augas dos diferentes mananciais da vila “recén extraidas dos mesmos, e conservando todas as súas propiedades mineiromedicinais intactas”, explicou Seoane. “Como ben sabemos, un dos motores da nosa comarca é o viño pero nun evento tan importante como este, que atrae a máis de 20.000 visitantes, non debemos perder a oportunidade de visibilizar a outra gran potencialidade de Verín, que son as nosas augas”, finalizou o alcalde.

Pola súa banda, Purificación Caldelas quixo destacar a gran importancia que ten este evento para “visibilizar e valorizar o potencial cultural turístico, gastronómico e, por suposto, enolóxico que ten a nosa comarca”.

Artigos relacionados

Back to top button