En portadaÚltima hora

Un traballador desprazado dende Lleida a Terras de Trives, positivo por Covid-19

Así o veñen de confirmar os Concellos de Trives, Río e Manzaneda que piden "medidas preventivas de urxencia" por parte da Xunta

 

Tras unha reunión de urxencia do comité da Área de Saúde do PAC de Trives, os Concellos de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río veñen de emitir un comunicado conxunto nesta tarde de 17 de xullo no que confirman “un contaxio por Covid-19 nas Terras de Trives, un traballador desprazado dende Lleida, recentemente”.

Os alcaldes destes concellos tamén confirman que “esta persoa, a día de hoxe, se atopa ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”. Tamén indican que se puxeron en contacto con varios departamentos da Xunta “que non acertaban a proporcionarnos unha información concreta, nin tampouco a adoptar medidas que consideramos imprescindibles para un rebrote. Puxémonos en contacto cos establecementos dos que tivemos coñecemento que puido existir contacto para a recomendación de medidas voluntarias concretas”.

Ademais os Concellos de Trives, Manzaneda e Río pídenlle á Xunta de Galicia “o confinamento de todos os contactos directos con esta persoa, o desprazamento urxente nesta fin de semana dun equipo móbil para a realización de PCR a todos estes contactos, a esixencia de responsabilidades á empresa que envía a un traballador dende unha zona de alto risco con síntomas compatibles con Covid-19”. E tamén se lle solicita á administración galega que, “dado que esta persoa realizou o desprazamento en tren: se proceda de inmediato á identificación e posta en confinamento dos pasaxeiros do vagón compartido (liña Barcelona-Galicia)”.

Os tres rexedores apelan á responsabilidade, pero tamén á “tranquilidade da nosa poboación. O noso obxectivo é evitar que un positivo por Covid-19 se convirta nun brote, polo que consideramos que é oportuna a adopción de medidas preventivas de urxencia pola autoridade competente, isto é, a Xunta de Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button