ConcellosÚltima hora

Un traballador, primeiro positivo en Covid-19 na residencia de maiores de San Xoán de Río

O vindeiro luns 19 de abril realizaráselles o test do coronavirus a todos os usuarios da residencia e ao persoal, segundo confirma o Concello

Exterior da residencia de maiores de San Xoán de Río.

 

Neste sábado 18 de abril vén de coñecerse o primeiro caso positivo de coronavirus na residencia de maiores de San Xoán de Río. Trátase dun traballador deste centro, tal e como veñen de confirmar os Concellos de Río, Trives e Manzaneda, a través dun comunicado conxunto.

“Nese momento activouse o protocolo para esta situación. Este traballador leva sen acudir á residencia dende antes de realizar o test do Covid-19 e actualmente ningún dos residentes nin do resto de traballadores ten ningún tipo de síntoma. Todos os familiares das persoas enfermas están sendo avisados pola dirección da residencia”, tal e como sinalan os concellos no comunicado.

Ademais nesta nota anúnciase que o vindeiro luns 19 de abril realizaráselles o test do coronavirus a todos os usuarios da residencia e ao persoal.

Finalmente, os Concellos de Río, Trives e Manzaneda transmítenlle unha mensaxe de ánimo á persoa afectada “para que se recupere o antes posible” e solicitan “tranquilidade aos familiares dos residentes”.

Así, segundo os últimos datos facilitados dende estes tres concellos da área do PAC de Trives, rexístranse 9 casos de persoas con Covid-19 en San Xoán de Río (1 delas falecida) e 11 en Trives, manténdose Manzaneda libre de coronavirus.

Artigos relacionados

Back to top button