Entrevistas

Un valdeorrés, ao fronte da selección española no mundial de Turquía

Lucas Mondelo, seleccionador absoluto feminino, afronta o mundial de basket de Turquía coa mirada posta en Río 2016

 

O seleccionador español absoluto de baloncesto feminino, Lucas Mondelo./ Foto: Carlos G. Hervella.
O seleccionador español absoluto de baloncesto feminino, Lucas Mondelo./ Foto: Carlos G. Hervella.

España acudirá á cita como vixente campiona de Europa, pero sen “máis presión que a que nos poñemos a nós mesmos porque somos competitivos”, matiza Lucas Mondelo García, seleccionador absoluto feminino de baloncesto de orixe valdeorresa. A vitoria vén acompañando a este técnico de orixe valdeorresa de xeito especial nos últimos catro anos. Por iso non resulta difícil imaxinar que regrese con algún metal de Turquía, malia ao poderío de rivais como Estados Unidos (EEUU) ou Australia.

“O mundial non o imos ganar, pero eu non dixen que non haxa posibilidades de estar entre os tres primeiros”, admite. Tamén confía en enganchar de novo ao público. “No europeo do 2013 tivemos un millón de persoas vendo a final con Francia e unhas 600.000 de media seguindo a competición. O mundial emitirano por Teledeporte e tamén os partidos de preparación”, apunta.

¿Con que obxectivos acude España ao mundial, tendo en conta que tan só unha vez na súa historia ten logrado pasar de cuartos?
Si, e foi de casualidade. Francia perdía de 14 puntos en cuartos. Non se sabe qué pasou, pero fallou e Australia, que era a outra gran favorita xunto con EEUU, caeu contra Chequia, o anfitrión, en cuartos de final, e abriuselle camiño a España. O noso obxectivo é competir porque levamos a camiseta de España, e iso é unha responsabilidade actualmente en baloncesto, e tamén pendurada no peito a medalla de ouro. Pero non temos máis presión que a nosa propia porque somos competitivos, o noso ADN é así. Tamén é certo que se retiraron dúas grandes estrelas, como Amaya Valdemoro e Elisa Aguilar, e as xóvenes teñen que coller o rol e tirar do carro sen ninguén nas costas, agora son elas as xefas. E hai que ver cómo asimilan esa carga de xogar e ademais liderar. Entón, sen perder de vista o que dixen antes, o noso obxectivo é chegar o máis lonxe posible e preparar ao equipo para a cita importantísima do ano que vén, que é o europeo de Hungría porque aí decídense as prazas para a Olimpíada do 2016.
¿Cales son os puntos fortes do equipo español?
Que é bo, está unido, é competitivo e en teoría non ten a presión que podería parecer por ser campión de Europa.
¿E os febles?
En contra está o feito de que son xóvenes e a ver cómo respostan á dobre carga que comentaba antes nun mundial que é de máxima esixencia con dúas seleccións fortes, unha que está por riba de todas, que é EEUU, e logo Australia. Despois viría Francia, que aínda que lle ganamos no seu campo foi unha gran sorpresa para todos, e, de seguido, Turquía que foi prata no Europeo 2011 e bronce no do 2013. Ademais xogan na casa con 10.000 turcos nas bancadas e con abritraxe FIBA mundo. A continuación estaría un grupo de seleccións con capacidade de estar aí, de dar a sorpesa, que son Brasil e Chequia, Canadá e nós. Destas oito seleccións sairán as tres medallas.
Dúas están no grupo de España…
Si, iso é o bo xa que así non te podes cruzar con elas, pero tes que quedar primeiro de grupo porque se non é así vaste cruzar coas outras, con Turquía, EEUU ou Australia. Con EEUU é dicir adeus, porque hoxe ten a mellor xeración da súa historia, e con Australia case. Nós, se ganamos e quedamos primeiros de grupo, non vemos a EEUU ata a final. Pero se Australia, que vai polo cadro de EEUU, perde un partido e cambia de cadro, vense cara nós. Se non fixo os deberes e encontrámonos con ela, pois imos xogar a ver qué pasa.

 

Texto: Ángeles Rodríguez

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil de setembro.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button