ConcellosÚltima hora

Un Via Crucis da Serra simbólico e cheo de recordos e agradecementos neste Xoves Santo

Malia non poder celebrarse fisicamente, a Asociación Pepe de Barrio preparaba un vídeo para lembrar e conmemorar virtualmente esta celebración relixiosa

 

Son máis de 14 quilómetros, enmarcados nas montañas de Trevinca. Un percorrido de case catro horas con paradas en cada unha das quince estacións en granito, realizadas polo artista Pepe de Barrio. Numerosas persoas acostuman acudir cada Semana Santa ao Via Crucis da Serra (entre o Alto da Portela e Lamalonga, A Veiga). Unha cita que neste Xoves Santo non puido realizarse debido á emerxencia sanitaria do coronavirus.

Aínda así a súa organización, en mans da Asociación Pepe de Barrio, non se rendiu e decidiu celebralo dun xeito diferente e rendendo unha homenaxe especial coincidindo coa súa 20ª edición. Dando continuidade simbólica a un traxecto que se iniciaba no 2000 cando “Pepe e María, xunto con algúns amigos de Xares (Paco, Carlos e Alberto), co cura D. Felipe e algúns veciños de Lamalonga; fixérono por primeira vez”, tal e como lembra o presidente da asociación, Valentín Lorenzo.

A través dun vídeo emitido dende o seu facebook neste 9 de abril a asociación lembraba “tantos anos, a tantas personas que participaron nel, crentes e non crentes, mozos e maiores. A través de imaxes de edicións anteriores, coa lectura dalgunha estación a cargo do irmán Javier, de Paco Ascón e de Rosa Escuredo, queremos recordar un día como hoxe. Trasladarnos á Portela Do Balado”, comenta Valentín Lorenzo.

Deste maneira pretendían “facer que a imaxinación nos leve por esa paisaxe de piñeirais única e excepcional, por esa sexta estación xunto a “Fonfría”, ou esa oitava onde se encontra o altar, así sucesivamente ata chegar a “Roupeiro”, xa en Lamalonga, á decimoquinta estación”, continúa o presidente da Asociación Pepe de Barrio.

Ademais anima a compartir e a difundir este vídeo realizado pola asociación para facer que “hoxe máis que nunca, o Via Crucis da Serra sexa unha realidade e un motivo de esperanza, desexando que esta situación se pase pronto”.

Vídeo da Asociación de Cooperación para o Desenvolvemento de Lamalonga “Pepe de Barrio”

Artigos relacionados

Back to top button
Close