OurenseÚltima hora

Un viño da D.O. Ribeiro promociona o Camiño de Santiago ao seu paso por Ourense

A iniciativa enmárcase dentro dun completo proxecto de Promoción do Camiño Mozárabe–Vía Prata con motivo do Xacobeo 21-22

 

Nunha provincia con catro denominacións de orixe como Ourense e tanto peso do sector vitícola, non podía faltar un viño para conmemorar o Camiño a Santiago. A iniciativa vén da man da Asociación de Amigos do Camiño Mozárabe – Vía Prata que seleccionaron a D.O. Ribeiro para realizar esta primeira edición do viño que conta con 1.200 botellas e que leva na etiqueta o mapa deste Camiño. A colaboración foi levada a cabo coa cooperativa Viña Costeira e segundo Óscar Sánchez, directivo da asociación, a intención é facer un de cada denominación ourensá.

Hoxe presentábase publicamente este viño nun acto no Liceo de Ourense que contaba, entre outras autoridades, coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e do delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén; con Flora Moure, concelleira de Turismo e Termalismo, Marisol Nóvoa e Jaime Pereira, presidenta e secretario da CEO, así como membros da Asociación e Amigos de camiño.

Rosendo Fernández destacou a colaboración de Inorde e Deputación con esta asociación para promocionar a Vía da Prata, e aproveitou para encomiar esta iniciativa, que promociona o Camiño cunha das catro denominacións da provincia. Paralelamente, a Asociación deseñou tamén manteis individuais para distribuír nos establecementos hostaleiros do Camiño, e que reproducen tamén o Camiño Mozárabe en Galicia, destacando o itinerario desde a entrada na provincia de Ourense pola Gudiña ata a súa chegada a Santiago. En total, realizaron unha partida de 100.000 manteis para darlle maior visibilidade e publicidade ao Camiño.

Pola súa banda, José Luis Rodríguez, presidente da asociación, adiantou tamén que outras iniciativas no marco desta promoción están tamén na recta final como a completa guía do Camiño desde Sevilla e un folleto que se presentará en Xantar e que busca promocionar a saída desde Ourense salientando o lema ‘De Pórtico a Pórtico’ que fai alusión ao percorrido entre o Pórtico do Paraíso en Ourense e o da Gloria en Santiago. Igualmente, destacou o punto de información continuado que está dispoñible na CEO, onde se presta tamén asistencia ao peregrino e facilítase a Credencial para que poidan comezar con ela o Camiño.

En definitiva, esta asociación está centrada en actuacións orientadas a fortalecer e difundir este camiño ao seu paso pola provincia de Ourense, un traballo que leva realizando desde hai case 3 décadas mediante a promoción do espírito Xacobeo, a colaboración con institucións e albergues, a realización de estudos, investigacións e publicacións histórico-culturais, ademais da información e asesoramento ao peregrino.

Artigos relacionados

Back to top button