ConcellosÚltima hora

Unanimidade no primeiro pleno do ano no Concello da Rúa

Luz verde ao convenio entre o Inorde e os concellos que conforman o Xeodestino Nª 12, Manzaneda-Trevinca
Votación no primeiro pleno do ano no Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.
Votación no primeiro pleno do ano no Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

Cinco foron os puntos aprobados na primeira sesión ordinaria do ano do pleno municipal, celebrado no Concello da Rúa na tarde do 4 de xaneiro. E todos por unanimidade.

Trala aprobación do borrador da acta do pleno de data 21.11.2015, a corporación aprobaba asemade o acordo de adhesión ao convenio marco de cooperación da Deputación de Ourense coas entidades locais da provincia, en materia de transparencia a información pública.

O terceiro punto da orde do día facía referencia ao acordo de aceptación do punto 4º da cláusula 6ª do convenio marco de cooperación entre a Deputación e os concellos da provincia para a prestación por parte da Deputación provincial, do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, nos municipios que se adhiran. A devandita cláusula indica que os concellos que non teñan delegada a xestión das taxas na Deputación tiñan que presentar unha garantía de pago como é o caso da Rúa, que optou polo “acordo de aceptación na participación en tributos do Estado, da Comunidade Autónoma e do Concello polo que se autorizaría á Deputación a requerir ao seu favor o ingreso das cantidades adebedadas”.

O cuarto punto da orde foi a aprobación do convenio de colaboración entre o Inorde e os Concellos de A Pobra de Trives, A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras, para a posta en marcha do Xeodestino Nº 12, Manzaneda-Trevinca, que ten o plan de traballo para o primeiro trienio e no que A Rúa deberá aportar uns 5.500 euros.

O último punto aprobado pola corporación municipal da Rúa foi o acordo da aprobación definitiva da modificación dos estatutos de consorcio de augas de Valdeorras.

No turno de rogos e preguntas, o portavoz popular Avelino García Ferradal aproveitou para suxerir á alcaldesa dúas posibilidades para as homenaxes da Festa do Codillo: O grupo de Protección Civil e A Ruada, xa aque ámbolos dous colectivos cumpren vintecinco anos.

Artigos relacionados

Back to top button