ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Unha andaina solidaria, entre os actos do Día contra a Violencia de Xénero en Valdeorras

Celebrarase o propio día 25 de novembro, con saídas ás dez da mañá dende as prazas do Concello do Barco e da Rúa para dirixirse cara Vilamartín

Na semana do 20 ao 25 de novembro desenvolverase o programa de “Valdeorras en Negro”. Trátase dunha serie de actos nos que se conmemorará dunha forma conxunta nos concellos do Barco, A Rúa, Petín, Vilamartín e A Veiga o Día Internacional contra a Violencia de xénero. A súa presentación tiña lugar o 3 de novembro no Barco nunha rolda de prensa á que asistían os alcaldes do Barco, Petín e A Rúa, xunto cos concelleiros Orlando Saavedra (do Barco) e Teresa Valcarce (de Petín).

A principal novidade desta edición será unha Andaina solidaria prevista para o propio 25 de novembro con saídas simultáneas ás dez da mañá dende as prazas dos Concellos do Barco e da Rúa (pasando tamén por Petín) para concentrarse finalmente en Vilamartín, ao redor das 12h. Alí terá lugar un acto que incluirá unha actuación musical a cargo da violoncellista Luisa Carnero, a lectura dun manifesto e, finalmente, haberá un magosto e unha pinchada. Despois os participantes poderán regresar aos seus puntos de partida en autobús.

A ruta que se seguirá dende O Barco ata Vilamartín terá unha distancia de 9,5 km e será de dificultade baixa. Tras saír da praza do Concello seguirase ata cruzar a pasarela do Malecón, pasando despois pola Raña, logo dirección a Arnao ata chegar a Penouta e continuar ata a zona do Bañadoiro e posteriomente finalizar en Vilamartín. Establecerase un avituallamento no punto quilométrico 4,2.

No caso de que se siga o percorrido dende A Rúa, o traxecto será de 10 km (cun avituallamento no punto quilométrico 5,2 na Barxela) e sairá diante do Concello, dirixirase ata a estación de Renfe, para logo xirar ata a ponte peonil da Cigarrosa, continuar por Petín e logo dirixirse cara Barxela. Despois continuará ata Valencia do Sil, onde cruzará a presa de Santiago e despois enfiará cara Vilamartín. As inscricións terán un custo de 5 euros e poderán realizarse nos Concellos en horario de mañá.

Ademais da andaina, o programa incluirá nos días previos a exposición de cartelería e camisetas co lema da campaña nos establecementos comerciais e hostaleiros de Valdeorras (coa colaboración de AEVA), así como accións nos centros laborais o venres 24 de novembro xunto coa lectura do manifesto, e tamén actividades educativas en colexios e institutos. No caso do Barco haberá asemade proxeccións de filmes relacionados con esta temática no Teatro Lauro Olmo.

O obxectivo desta campaña de “Valdeorras en negro” é “fomentar unha acción de sensibilización e visualización cidadá contra as violencias machistas no ámbito” e tamén “implicar ao tecido económico, asociativo nunha resposta colectiva”, en palabras do concelleiro de Igualdade do Barco, Orlando Saavedra, quen tamén agradecía a colaboración e apoio de todas as entidades e persoas que colaboran para levar adiante as diferentes accións programadas.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button