CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unha aposta internacional por investigar e poñer en valor a xénese da cultura do viño

O II Foro Hispano-Luso de Lagares Rupestres reunía a unha vintena de especialistas do 7 ao 9 de setembro na comarca de Monterrei

Constitúen a manifestación máis antiga que se conserva do cultivo e elaboración de viño na conca do Mediterráneo. Os lagares rupestres, tallados na pedra, son restos arqueolóxicos de antigas bases de prensas para o aplastado da uva e outros froitos, moitos deles milenarios. Dende o ano 2010 un grupo de investigadores vense reunindo e traballando co fin de investigar e preservar este patrimonio. Froito desas xuntanzas xurdía unha asociación lusa e outra española que no pasado mes de febreiro celebraban un encontro en San Esteban (Salamanca). Nel expertos españois e portugueses adquirían, mediante a sinatura dun manifesto, o compromiso de identificar, protexer e divulgar estes achados arqueolóxicos.

Na liña de cumprir con eses obxectivos vén de organizarse do 7 ao 9 de setembro o II Foro Hispano-Luso de Lagares Rupestres na comarca de Monterrei, a zona galega con maior concentración deste tipo de manifestacións que constitúen “a verdadeira orixe da viticultura”, en palabras do presidente da asociación española de lagares, Luis Vicente Elías. Neste encontro, dirixido polo experto e sumiller Luis Paadín e organizado por Turismo de Galicia, participaban unha vintena de especialistas de diferentes disciplinas. O seu programa principiaba na tarde do 7 de febreiro cunha visita aos lagares rupestres de Monterrei e ao proxecto Castro “Muro da Cidade”.

Na xornada do sábado día 8 ás nove da mañá desenvolvíase a primeira reunión das Asociacións Hispano-Lusa de Lagares Rupestres no Centro Social de Oímbra, seguida dun percorrido pola ruta de lagares creada neste municipio ourensán, durante a cal os asistentes ao foro estiveron acompañados por tres representantes do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei: a súa presidenta, Lara Da Silva; o director técnico da D.O., Luis Miguel López, e a secretaria e técnica de promoción do organismo, Natalia González.

Neste percorrido, guiado por Alejandro Paadín (coautor xunto a Luis Paadín de “Las piedras que hacían vino”), facíanse paradas en dous lagares moi concretos: o da Tapadiña e o de Xan Preto, onde pode verse a reconstrución dunha prensa de tornillo. Deseguido visitábase o lagar-adega das Barrocas, onde os asistentes podían degustar diversos viños da Denominación de Orixe Monterrei. A mañá concluía coa visita á adega Crego e Monaguillo, na que se lles ofrecía un xantar.

Pola tarde, xa no Museo Claustro Mercedario de Verín, celebrábase unha nova reunión de traballo das asociacións de cara a concretar o proceso de documentación de lagares da península, a preparación de fichas e do sistema para xeorreferenciar cada un deles. Tamén se pretende incorporar a este proxecto a outros países europeos como Italia, Grecia ou Francia para lograr de forma conxunta un recoñecemento dos lagares como patrimonio europeo.

A continuación dábase paso a unha mesa redonda sobre “O valor patrimonial, turístico e de identidade dos lagares rupestres”, aberta ao público, e na que interviñan Luís Vicente Elías como presidente da Asociación Lagares Rupestres de España (doutor en antropoloxía), Augusto Sequira como presidente da Asociación en defensa de los Lagares Rupestres de Portugal, Asunción Martínez vicepresidenta (doutora en Arqueoloxía). O acto, no que tamén tomaba a palabra o coordinador deste foro, Luis Paadín, clausurábase coa intervención da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen apuntaba que os lagares “son algo que fala de nós e que a súa posta en valor é compatible co seu uso turístico. Queremos dar a coñecer o que temos e contar tamén cos investigadores entendidos para que nos vaian guiando para poñelos en valor”. Posteriormente facíase unha visita guiada por Luis Congil polo mostra “Dionisos 2000 anos de historia do viño en Monterrei”.

O foro continuaba na mañá do domingo 9 de setembro cunha visita a lagares rupestres de Verín, entre eles o situado nas proximidades da ermida de San Antón de Abedes (neste caso só de pisado) e cun percorrido guiado polo conxunto monumental do castelo de Monterrei. Alí, no antigo Hospital de Peregrinos, facíase unha cata de uvas da D.O. Monterrei da man do seu director técnico, Luis Miguel López. Tanto organización como participantes, facían un balance moi favorable deste segundo foro.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Máis información e fotos:
https://osil.info/cata-de-uvas-da-d-o-monterrei-no-marco-do-ii-foro-hispano-luso-de-lagares-rupestres/

Artigos relacionados

Back to top button