CulturaEducaciónÚltima hora

Unha barquense de 11 anos, finalista no concurso do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia

Os deseños de doce nenos de toda Galicia serán convertidos en xoias con motivo do Día da Nai
Deseño feito por unha escolar do Barco.
Deseño feito por unha escolar do Barco.
Debuxo realizado por alumno de Castrelo de Miño.
Debuxo realizado por alumno de Castrelo de Miño.

Con moitivo do día da Nai o primeiro domingo de maio, o Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia (COXGA), convocaba por quinto ano consecutivo un concurso no que participaron nenos de toda Galicia entre os 0 e os 12 anos, a través dun debuxo que será convertido nunha “xoia única e exclusiva” para os doce gañadores.

Nesta edición, que tiña como lema “Deseña unha xoia para a túa nai” participaron máis de 8.000 nenos e entre os 80 finalistas, tres son da provincia de Ourense: Inés Docampo Gamarra de 11 anos e alumna do CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras debuxou un colar; Aida López Bernárdez de 10 anos e alumna do Carmelitas de Ourense deseñou un brazalete; e Víctor Villamarín Paz de 10 anos e alumno do CEIP Castrelo de Miño, un broche.

Inés, Aida e Víctor serán os representantes ourensáns na final na que doce debuxos serán os gañadores. Tres premiados por categoría (de 0 a 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 e de 11 a 12), verán “realidade o soño de ter deseñado unha xoia feita por xoieiros profesionais galegos”.

De feito os obradoiros do COXGA veñen traballando nos últimos días cos deseños, realizando xoias para a súa entrega no acto que se celebrará no Auditorio do CGAC en Santiago de Compostela o vindeiro venres 25 de abril a partires das 17:30h. O acto será aberto ao público, con previa confirmación de asistencia e contará coa asistencia de representantes das Administracións Públicas e diversas entidades sociais, centos de nenos participantes de centros públicos e privados da comunidade que recibirán un agasallo. A gala contará asemade con moitas sorpresas entre as que destaca a presenza dalgún membro da familia dos “Bolechas”.

Imaxes dos debuxos: cedidas polo Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button