EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Unha boa planificación, clave á hora apostar pola produción de castaña galega

O secretario da IXP Castaña de Galicia, Manuel López, impartía no Barco unha xornada sobre o aproveitamento sustentable dos soutos

 

Coas enfermidades e as pragas que afectan ao castiñeiro finalizaba a xornada formativa sobre o aproveitamento sustentable dos soutos que Manuel López Vilariño, secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, impartía na tarde do 13 de novembro no multiusos do Barco. “Hai que facer apoloxía do medio rural, hai que dignificalo e iso lógrase fixando actividade nel. Esa actividade temos que diversificala e a castaña vai ser unha maneira de facelo”, comentaba ao inicio da súa intervención.

Nesta sesión, dunhas dúas horas de duración, aportábase unha visión xeral da realidade do sector en Galicia, comezando pola comercialización e a industrialización da castaña, facendo fincapé no valor económico que supón este produto de outono que “pode consumirse durante todas as épocas do ano, é o que se chama desestacionalización”, comentaba López Vilariño antes de referirse á ampla gama de produtos existentes con castaña seca e con castaña pelada.

Lembraba as orixes da comercialización da castaña en España a partir de 1940 nas grandes cidades e, unha década despois, o inicio da exportación a Sudamérica e a Europa, así como a industrialización deste produto nos anos 60 na provincia de Ourense, ademais de explicar os circuítos aos que se dirixe a castaña galega: o mercado en fresco (entre un 50-60% do total), o de primeira transformación (40-50%) e o de segunda transfomación (5-10%). “Non é o mesmo unha castaña para fresco que unha castaña para industria de conxelado, son moi diferentes e iso hai que telo moi en conta”, matizaba.

O ponente insistía na importancia dunha boa planificación á hora de apostar polo castiñeiro, “temos que empezar a ser profesionais para optimizar a produción” e, nese senso, matizaba que na produción de castaña hai dúas limitacións: a man de obra e a superficie. Referíase ao proceso de recollida e ao parque de maquinaria existente para facilitala, e, deseguido, ao procesado da castaña.

 

Manuel López, secretario da IXP Castaña de Galicia, durante a súa intervención.

 

López Vilariño amosaba a distribución do seu cultivo na península, indicando que o 59% da produción española de castaña está en Galicia. E subliñaba a altísima porcentaxe de exportación deste froito, a países tan dispares como Francia, Italia, Xapón, Suíza, etc.

Tamén comentaba a relevancia de contar cun selo de calidade, único no estado español, que certifica e garante a orixe, proceso de produción, variedades e calidade da castaña galega: a IXP Castaña de Galicia. Explicaba as súas funcións, o labor que desenvolve, a zona amparada (que inclúe a toda a provincia de Ourense), as variedades (unhas 81) e as súas características, etc.

No decurso da conferencia referíase ao aproveitamento multifuncional que permite o cultivo do castiñeiro e expoñía tres modelos diferentes de xestión do souto: o de Carracedo (Serra da Pradela, no norte de Portugal), o do souto francés e o dun souto galego.

Xa na recta final da sesión analizaba as enfermidades e pragas que lle afectan a este cultivo como a podredume do froito,  a tinta, o cancro, facendo unha referencia especial á praga da avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus). López Vilariño expoñía como esta praga ataca á planta, como é o ciclo deste insecto e cal é o mellor xeito de facerlle fronte: a loita biolóxica. Realízase mediante as soltas controladas pola administración dun depredador natural da avespa, o Torymus sinensis.

Esta xornada foi organizada pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en colaboración coa Indicación Xeográfica Protexida Castaña (IXP) de Galicia e co Concello do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close