ConcellosÚltima hora

Unha condutora queda atrapada no seu vehículo tras saírse da vía en Parada de Sil

 

Arredor das 8:30 horas desta mañá producíase un accidente de tráfico no municipio de Parada de Sil, na estrada OU-0604. Un vehículo volcaba e acababa sobre a cuneta coas rodas cara arriba, quedando atrapada no seu interior por unha extremidade a condutora.

Tras recibir o aviso, o 112 Galicia mobilizaba aos voluntarios de Protección Civil de Parada de Sil e aos membros do GES de Castro Caldelas. “De feito, foron os voluntarios quen recibiron en primeira instancia o aviso sobre o accidente e comprobaron o estado no que se atopaba o vehículo e a condutora”, segundo o 112 Galicia. Tamén acudía ata o lugar do sinistro a Garda Civil e unha ambulancia do 061.

 

 

Ademais, para liberar á condutora, os efectivos de emerxencias deberon botar tempo suficiente para sacala do coche e causar os menos danos posibles nunha das súas mans, atrapada e xa moi lesionada, destacan dende o 112 Galicia.

Unha vez liberada, a condutora recibía atención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e era trasladada a un centro hospitalario.

Fotos: Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Parada de Sil.

 

Artigos relacionados

Back to top button