DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Unha corentena de intrépidos nadadores comezan o Día do Cristo cun chapuzón nas augas do Sil

Nesta 26 edición do Madrugón, repartíronse numerosos premios e agasallos

Trofeo para o mellor nadador e nadadora e para os noveis; para o traxe de baño máis orixinal; para a familia con máis membros presentes,… Son algúns dos numerosos agasallos que se repartían este ano na 26 edición do Madrugón. A cita lúdico-deportiva coa que O Barco de Valdeorras dá cada ano a benvida ao Día do Cristo, o 14 de setembro.

Cos albores do día e as temperatura baixas de mediados de setembro, en torno ás corenta persoas de todas as idades íanse achegando á Capitana, á beira do Sil ao seu paso polo Barco. Ese é o punto de partida da carreira a nado que levou aos participantes río abaixo ata a praia fluvial do Malecón (entre 300 e 400 metros).

É unha carreira, si, pero o Madrugón é sobre todo unha tradicional cita festiva na que os máis intrépidos retan ao frío e ao sono para comezar o día con enerxía. Por iso priman o humor e as bromas, nun ambiente distendido (malia o frío), aderezado cuns groliños de licor de café para ir entonando.

Entre os participantes nesta edición había moitas caras coñeceidas, entre eles Ricardo e Chelo que levaban o agasallo ao traxe de baño máis orixinal, ou Grit que un ano máis levaba o trofeo á mellor nadadora. O trofeo masculino foi nesta ocasión para Jorge. E con respecto aos demais premios, os Urdangaray levaban o da familia máis numerosa e o Peña Trevinca Barco o do club máis numeroso.

Ademais, todos os participantes levaron unha toalla conmemorativa e foron agasallados cun bo almorzo (chocolate con churros) no Cafetín. Outra das tradicións desta cita festiva coa que se inaugura o día grande das Festas do Cristo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button