EconomíaEconomíaÚltima hora

Unha criadora de Rubiá gaña o I Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta

Raquel Méndez conseguía o primeiro posto coa porca “Mora” no certame organizado por Asoporcel

A Raquel Méndez Ramos, veciña de Rubiá, sempre lle gustaron os animais e hai cinco anos decidia aumentar a súa particular granxa (na que ten un pouco de todo) con sete porcos da raza autóctona. Con apenas 4 meses chegaba á explotación valdeorresa “Mora”, unha femia reprodutora da variedade Carballina da raza Porco Celta, que hoxe con cinco anos é case parte da familia. “Foi dos sete primeiros exemplares e resultou tan cariñosa e obediente que mantereina”, asegura Raquel. Unhas cualidades que a levaron a gañar o I Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta celebrado este domingo na Semana Verde 2018 de Silleda (Pontevedra).

Organizado por Asoporcel (asociación sobre esta raza de porcos, da que Raquel é socia), no marco da feira organizáronse diferentes concursos da raza na que participaron un total de 60 animais chegados de 24 explotacións de toda a Galicia (con representantes das 4 provincias). Houbo certame de femias reprodutoras, de machos reprodutores e de femias de recría, pero foi o de manexo o que espertou maior expectación por curioso e simpático.

Tal como explican dende a organización, os concursantes tiñan que guiar aos seus porcos por un circuíto ata o remolque e “Mora” conseguía facelo en 34 segundos, un menos que o segundo clasificado “Asia” guiado por José Vega de Castro de Rei (Lugo). O terceiro clasificado por “Cesáreo” guiado por Saúl Rocuo de Vilalba (Lugo).

Fotos: Asoporcel.

 

Artigos relacionados

Back to top button