Unha crónica fotográfica da Galicia de primeiros do s. XX e das súas xentes, no Barco

A sala Abanca acolle ata o vindeiro 7 de decembro a exposición “Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”

Un baile de muiñeiras na Rúa, unha antiga cociña dunha casa do Bolo, dúas nenas coa paisaxe da vila de Viana ao fondo ou unha adega soterrada en Fontei. Son algunhas das imaxes que a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, da Hispanic Society de Nova York, capturaba nas dúas viaxes que realizaba por Galicia entre 1924 e 1926.

Unha escolma deses retratos da Galicia rural e urbana de hai case un século poden verse agora no Barco no marco da exposición “Unha mirada de antano”, que se inauguraba na tarde do 7 de novembro cunha visita guiada. Neste acto participaban o alcalde do Barco, Alfredo García; a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; Rubén Saavedra Pedreira, director territorial de Abanca en Ourense; e a coordinadora institucional para Ourense e Lugo de Afundación, Beatriz Fernández-Anguiano, entre outras autoridades.

No turno de intervencións, o rexedor barquense comentaba que contar con esta exposición “supón un luxo” para este municipio, mentres que o director territorial de Abanca cualificaba de “magnífica” a mostra e convidaba ao público a “desfrutar desta experiencia”. Ademais indicaba que dende Abanca se ten moi presente ao Barco “non só na actividade financeira, senón tamén na actividade cultural, económica e social”. Finalmente, a coordinadora institucional para Ourense e Lugo de Afundación lembraba que esta escolma fotográfica de Ruth Matilda Anderson chega ao Barco froito dun convenio entre o Concello do Barco, Abanca e Afundación e destacaba “a colaboración e sólido compromiso coa cultura da Hispanic Society”, que foi “esencial” para que compartir este legado de Anderson.

“Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia” estará aberta ao público ata o vindeiro 7 de decembro na sala de exposicións Abanca do Barco. Poderá visitarse de luns a venres nun horario de 17h. a 20:30h. e os sábados de 10:30h. a 13:30h.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies