ConcellosÚltima hora

Unha delegación brasileira, na AECT Eurocidade Chaves-Verín

O seu obxectivo era ver in situ o modelo de cooperación transfronteiriza desenvolvida nesta zona
Responsables da AECT Eurocidade Chaves-Verín, coa delegación brasileña.
Responsables da AECT Eurocidade Chaves-Verín, coa delegación brasileña.

Para coñecer de preto o modelo de cooperación transfronteiriza entre Verín e Chaves, unha delegación do goberno brasileiro visitaba na mañá do 15 de outubro a sede da AECT Eurocidade Chaves-Verín, situada no antigo posto fronteirizo de Feces de Abaixo. Alí estivo acompañada polo presidente da Asemblea da AECT Eurocidade Chaves-Verín, António Cabeleira, Enrique Díaz como membro da Asemblea da Eurocidade Chaves-Verín, o Secretario Xeral do Eixo, Xoan Vázquez Mao, e polo equipo técnico da AECT.

Os responsables técnicos da AECT explicáronlles o tipo de cooperación de proximidade desenvolto pola Eurocidade, así como as accións previstas na Axenda Estratéxica desta entidade, impulsada co apoio do Eixo Atlántico. Nese senso incidían en catro eixos de intervención: a creación dunha estrutura institucional e técnica de cooperación transfronteiriza, así como a posta en marcha dunha zona franca social, a dinamización económica (comercio, turismo e termalismo) e o desenvolvemento sostible e intelixente.

A delegación brasileña estaba formada por Adriana Melo Alves, secretaria da Secretaria de Desenvolvimento Regional (SDR), Walber Santana Santos, director do Departamento de Gestão de Programas de Desenvolvimento Regional da mesma SDR, Alex Jorge das Neves, asesor da Secretária Nacional de Segurança Pública, e Luís Eduardo Colombo dos Santos, prefeito de Bagé, do Estado do Rio Grande do Sul e vicepresidente da Frente Nacional de Prefeitos para Assuntos de Fronteira.

Tras pasar pola sede da AECT, esta delegación continuaba o seu percorrido polo territorio da Eurocidade cunha visita ao Centro de Documentación Transfronteirizo de Chaves-Verín. Esta visita enmárcase no programa de viaxes de estudo organizado polo Eixo Atlántico para coñecer in situ os casos de éxito de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal.

Artigos relacionados

Back to top button