Concellos

Unha empresa do Carballiño, distinguida cun premio europeo polo seu pulpo ao vapor e no seu xugo

O Instituto Internacional do Sabor e da Calidade outorga dúas estrelas de ouro aos produtos de A Pulpeira
Os irmáns González Atanes, propietarios da firma galardoada, presentaron ao alcalde e ao edil de Turismo a placa do recoñecemento.
Os irmáns González Atanes (no centro), propietarios da firma galardoada, presentaron ao alcalde e ao edil de Turismo a placa do recoñecemento.

A empresa Frigoríficos Arcos, S.L. do Carballiño vén de ser galardoada con dúas estrelas de ouro polo Instituto Internacional do Sabor e da Calidade por dous dos produtos que elabora baixo a marca A Pulpeira: pulpo cocido ao vapor e no seu xugo. Esta distinción chega nas vésperas da LIV Festa do Pulpo da localidade, un dos eventos gastronómicos máis senlleiros de Galicia.

Representantes da empresa presentaron hoxe a placa conmemorativa e os produtos premiados ao alcalde, Francisco Fumega, quen acompañado polo edil de Turismo, Xosé Manuel Dacal, felicitou á familia propietaria polo recoñecemento.

O rexedor resaltou o mérito da firma local, con máis de cincuenta anos de historia, e agradeceu o feito de espallar un prato típico alén das fronteiras, levando como escudo o nome do Carballiño. Pola súa banda, Daniel González Atanes, como representante e un dos propietarios de Frigoríficos Arcos, afirmou que o seu obxectivo era mellorar os estándares de calidade na elaboración do cefalópodo. Tamén indicou que, tanto el coma seu irmán Camilo, coinciden en que o recoñecemento mundial “é todo un orgullo, algo que rebotará en beneficio do Carballiño”.

O galardón foi concedido tras superar diversas catas a cegas por un xurado internacional.

Artigos relacionados

Back to top button