En portadaÚltima hora

Unha empresa de xeo crioxénico, entre os 17 proxectos que recibirán axudas do GDR Valdeorras no 2018

A presidenta desta entidade, María Carmen González, destacaba que nas dúas convocatorias do Plan Leader para este ano concendíanse subvencións por valor de máis de 942.000 euros para eses 17 proxectos, orzamentados en 1.854.638,89 euros
A presidenta do GDR7 e alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen, na rolda de prensa na que fixo balance desta convocatoria./ Foto: A.R.

 

De éxito cualificaba a presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras (GDR7), María Carmen González, a resposta ante a primeira e segunda convocatoria do Plan Leader 2018 nesta comarca. Facíao nunha rolda de prensa na que comparecía, xunto ao xerente deste GDR, Luis Rodríguez, para facer balance das axudas aprobadas neste ano, que superan os 942.000 euros para 17 proxectos orzamentados en 1.854.638,89 euros. “Alcanzamos o 100% da financiación prevista para subvencionar a totalidade dos fondos que tiñamos para destinar a axudas”, destacaba María Carmen González.

Na segunda convocatoria do Plan Leader 2018 conseguiron resolverse favorablemente cinco proxectos, tres produtivos e dous non produtivos que suman un total de 492.803 euros de orzamentos aceptados, para os que o GDR ofrecerá axudas por valor de 252.994 euros. Dentro dos proxectos produtivos inclúese un para crear unha empresa dedicada a fabricar xeo crioxénico para a súa posterior proxección en traballos de limpeza industrial na Proba (O Barco), promovido por Javier Rodríguez. “Trátase dun servizo novo que non existía”, sinalaba o xerente do GDR. Recibirá unha axuda de 195.533,80 euros

Os outros dos proxectos non produtivos que contarán con axudas son o da empresa GANU, SL, que modernizará o seu almacén de gas butano na Barxa, o único existente no concello do Barco, grazas a unha subvención de 6.315,42 euros; mentres que a adega Alán de Val ampliará a súa capacidade produtiva coa adquisición de tres novos depósitos de aceiro inoxidable e para iso disporá dunha axuda de 7.415,20 euros.

 

A presidenta e o xerente do GDR7, nos momentos previos á rolda de prensa./ Foto: A.R.

 

En canto aos proxectos non produtivos, hai un promovido polo Concello de Petín, que recibirá unha axuda de 15.450 euros para ampliar o parque infantil existente na capitalidade do municipio e outro da Asociación Cultural Virxe de Lourdes e Santo Tirso para restaurar a capela do Santo Tirso na parroquia de San Vicente de Leira (Vilamartín), grazas a unha subvención de 28.850,54 euros.

Ademais a presidenta do GDR7 resaltaba que entre as dúas convocatorias do Plan Leader deste ano vanse crear catro novas empresas, dúas SL e unha SLL e un autónomo; e que grazas a estas iniciativas consolidaranse 49 empregos a xornada completa e crearanse outros 12 máis, tamén a xornada completa. “Os promotores están obrigados a manter todos os postos de traballos creados ou consolidados durante os 5 anos posteriores á data do pago final do proxecto”, puntualizaban a presidenta e o xerente do GDR.

Ambos animaban aos emprendedores a presentar novos proxectos de cara ás dúas novas convocatorias que se abrirán no vindeiro ano 2019, a primeira das cales concluirá o 31 de marzo e a segunda o 31 de maio, “sempre e cando non se esgoten os fondos existentes xa na primeira delas”.

Artigos relacionados

Back to top button