A aventura polo Camiño de Inverno dende Ponferrada está chegando ao seu fin. Un total de 21 quilómetros entre Bandeira (Pontevedra) e Lestedo (A Coruña) percorrían na mañá do 6 de maio, os camiñantes que están levando a cabo a peregrinación organizada pola Asociación Camino de Santiago de Invierno do Bierzo e que chega á recta final.
En torno ás nove e cuarto do sábado comezaba o percorrido desta XI etapa que trascorre por fermosas paraxes, na que participaron 130 peregrinos do Bierzo, Valdeorras, Monforte e Lalín. Nesta ocasión, o xantar (elaborado e servido por membros da asociación berciana) tiña lugar no Restaurante Vía da Prata, xa no final do percorrido.
Durante esta etapa, os camiñantes xa puderon ver ao lonxe a Catedral de Santiago pero non será ata a seguinte cita, prevista para o 10 de xuño, cando cheguen a Compostela, tendo previsto asistir á misa do peregrino ás 12 horas.
Fotos: Miguel López