En portadaGalerías de fotosÚltima horaXVIII Feira do Viño Valdeorras

Unha exitosa Feira do Viño de Valdeorras con 6.000 visitantes

Só na xornada do 11 de xullo superábase o total de tickets vendidos na pasada edición

Cumpríronse os obxectivos e superáronse as expectativas. A XVIII Feira do Viño de Valdeorras resultaba un éxito de público. O certame, que desta volta estreaba escenario e desenvolvíase na praza de Viloira (O Barco) do 11 ao 12 de xullo, congregaba a máis de 6.000 visitantes, segundo os datos feitos públicos dende a organización.

Xa soamente no primeiro día da feira superábanse os resultados da pasada edición e chegaban a esgotarse os 4.000 tickets de degustación previstos. “Creo que se acertou co lugar, é algo que di a gran maioría dos adegueiros presentes, e tamén cos actos complementarios que se prepararon”, asegura o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Vicente Solarat.

Asemade incide na gran participación que tiveron actividades como a música, da man do I Valdeorrock, e a cata popular, dirixida pola sumiller Mercedes González. O público tamén valorou de xeito favorable o parque infantil instalado nos xardíns da Casa Grande e o transporte gratuíto, a través do “Valdeorras Expreso” que conectaba a zona barquense de Calabagueiros coa praza de Viloira, con paradas na praza do Concello.

Agora o Consello Regulador valdeorrés xa pensa na vindeira edición, en cuxo programa comezará a traballar no mes de outubro. Un dos obxectivos que se marca o presidente é “aumentar a presenza de adegas”, que nesta edición eran 16.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información e fotos na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button