En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unha festa musical para presentar “Cholo e Nela, 20 anos dando a nota”

O libro-disco foi editado para conmemorar o XX aniversario da Convivencia de Educación Infantil

En maio deste ano, a Convivencia de Educación Infantil Cholo e Nela cumpría 20 anos. Unha data moi sinalada que a organización decidía celebrar por todo o alto: cunha edición especial que tiña lugar no centro no que comezou en 1997, o CEIP Julio Gurriarán, e a publicación dun libro-disco coas cancións creadas ao longo destas dúas décadas.

Este libro, editado por PAI Edicions S.L. co patrocinio da Xunta de Galicia, era presentado no Barco de Valdeorras, o lugar no que naceu a convivencia, nun acto que tiña lugar na mañá do 18 de outubro no Teatro Lauro Olmo.

 

Un momento da presentación do libro-disco.

Co patio de butacas cheo cos alumnos máis pequenos dos colexios Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo, acompañados polos mestres, era o alcalde do Barco o que abría o turno de intervencións. Malia non estar presente, Alfredo García deixou gravado un video no que enviou a súa mensaxe de ledicia pola presentación, lembrando as orixes da actividade. “Hai 20 anos eu estaba no CEFORE, o xerme deste proxecto, e lémbrome de xente como Viti, un dos primeiros armadanzas, de Carlos que continúa hoxe, de Susana Rodríguez, Manolo Folla, Tino,… Foi unha iniciativa extraordinaria que fixo felices aos nenos de infantil nestes anos, tratando ao mesmo tempo temas de actualidade como a igualdade, os incendios,…” dixo, rematando coa noraboa “aos que o fixeron posible”.

O seguinte en falar foi o secretario xeral de Política Ligüística, Valentín García, un gran amigo de Cholo e Nela que chegaba ao Barco, directamente dende Santiago, para a presentación. Na súa intervención, o secretario xeral falou dos valores aprendidos nas convivencias “por exemplo que non se debe queimar nunca os montes; que temos que ser máis solidarios cos nosos compañeiros; que temos que ser bos na casa; estudar moito; e tamén pasalo ben coa nosa cultura, coa nosa lingua e co marabilloso entorno que vos toca desfrutar en Valdeorras”. García asegurou que “Cholo e Nela non están só nesta comarca senón en toda a provincia de Ourense e en boa parte de Galicia, pero saíron daquí e por tanto son un orgullo para todos os que nos toca traballar coa lingua, coa cultura e coa educación dos nenos e nenas de toda a comunidade. Sodes un moi bo exemplo por iso quixemos vir hoxe aquí a dicírvolo, a darvos as grazas e animarvos a que sigades traballando”. “Aos que nos toca estar no goberno da Xunta de Galicia, en Santiago, Ourense e noutros lugares, aínda que non estemos fisicamente convosco”, engadiu, “sabemos quen son Cholo e Nela, sabemos a importancia que teñen e non deixaremos nunca de apoiarvos”.

 

O secretario xeral de Política Ligüística, Valentín García.

O último en intervir, foi un dos organizadores e alma máter, Carlos Rodríguez quen explicou que “este é o resumo dunha actividade espontánea que se vertebrou na comunidade educativa, onde as familias participaron en múltiples cuestións como obradoiros, contacontos… “. Carlos lembrou que se trata dun proxecto feito e deseñado dende as aulas e sobre todo para conseguir a algo que non había, materiais en galego. “Cando comezamos con esta iniciativa a idea era ter un día de diversión para todos os nenos e que houbera materiais e música en galego, feita por mestres sobre temas de interese. Este disco é unha síntese dese traballo, un traballo aberto e colaborativo que esperamos que como unha espiral, un símbolo típico galego, se difunda e se siga espallando durante moito tempo”.

 

Organizadores e autoridades coa obra presentada.

Con Nacho Hermida como mestre de cerimonias, a festa comezaba a continuación coa chegada ao escenario dos protagonistas, Cholo e Nela, para asistir a un animado e divertido concerto. O propio Nacho (na organización dende hai moitos anos), Carlos Rodríguez e Miguel Vázquez, interpretaron para todos os cativos, algunhas das vinte cancións que inclúe o disco producido por Segundo Grandío. Unha canción por cada edicion. Temas de pop, de rock, de folk e mesmo de rap. Títulos como “20 anos”, “O rock de Cholo e Nela”, “En igualdade”, “Polo medio” ou “O trasno rebulbeiro”. Unha actuación que fixo bailar e desfrutar aos pequenoa e a todos os presentes, entre eles a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; o director do CEFORE, Antonio Bello; a xefa territorial de Educación, Mª Luz Fernéndez; e o inspector da zona, Pedro Morais.

 

Na presentación estiveron os cativos dos colexios Julio Gurriarán, Condesa de Fenosa e Otero Pedrayo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button