CulturaCulturaÚltima hora

Unha imaxe do Xardín do Posío, peza do Mes do Museo Arqueolóxico

Será presentada na tarde do 12 de novembro na sala de exposición de San Francisco en Ourense
Fotograf’a do Xardí’n do Pos’ío. / Foto: Fondo Arquivo Fotográfico do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Fotograf’a do Xardí’n do Pos’ío. / Foto: Fondo Arquivo Fotográfico do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Descóñecese o tempo que leva no museo, quen foi o seu doador e a data na que foi tomada. O que é seguro é a súa autoría, xa que a sinatura do fotógrafo figura na parte superior dereita: “A. Pacheco”. A imaxe en branco e negro “Xardín do Posío” será a Peza do Mes de Novembro no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. A súa presentación está prevista para o mércores 12 de novembro ás 20.00 na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). No acto, con entrada libre, intervirá Vicente Rodríguez Gracia.

Trátase dunha fotografía “positivo sobre papel «Valca» de 18,5 x 11,5 cm, con marxe branca de 1 mm, reproducindo a fonte de El Bosque no Xardín do Posío”, citando a este investigador. Tendo en conta os detalles que aparecen nela, como son o tipo de vexetación e a vestimenta do neno que se inclina cara a fonte, estímase que puido ser realizada entre 1950 e 1968.

O seu autor, Julio Agusto Bautista Pacheco, forma parte dunha recoñecida saga de fotógrafos en Galicia, pero de orixe portuguesa. “Tanto José de Sousa Guedes Pacheco como o seu irmán menor Jaime nacen en Freixido de Espada á Cinta, en Tras Os Montes. Jaime (Pacheco) nace en 1878 e trasládase a Ourense en 1892. Aquí relaciónase co fotógrafo José Gil (1870-1937), co que se asocia, creando estudo en 1899. Ao final este estudo trasládase á rúa por excelencia dos fotógrafos, a rúa de Alba, ao n.º 18. De 1900 a 1905 dedícase ao cinematógrafo itinerante por Celanova, Verín, Braga, Porto e Lisboa. En 1905 trasládase a Vigo. Alí asóciase, en 1907, coa viúva do fotógrafo Filippo Prosperi, Cándida Otero (1915), coa que funda «Fotografías Pacheco». O seu labor, xunto coa dos seus fillos Jaime e Alberto e os seus sobriños, fan da súa obra un dos fitos cruciais da fotografía galega”, segundo explica Rodríguez García na publicación do museo na que documenta esta peza.

Para afondar máis sobre esta imaxe e a traxectoria deste autor, nada mellor que achegarse na tarde do día 12 ata a Sala San Francisco na capital da provincia.

Artigos relacionados

Back to top button