En portadaÚltima hora

Unha marcha para descubrir os engados da morfoloxía glaciar de Trevinca

Será o vindeiro 10 de novembro no marco da actividade "As Cores de Trevinca Outono" que organiza o Club Montañas de Trevinca

A Lagoa da Serpe será un dos puntos polos que pasará a marcha./ Foto: Carlos G. Hervella.

O Club Montañas de Trevinca propón neste mes de novembro un novo xeito de achegarse e de descifrar as pegadas deixadas milleiros de anos atrás polos xeos glaciares nas montañas de Trevinca. Trátase dun percorrido polo teito de Galicia previsto para o vindeiro 10 de novembro denominado “As Cores de Trevinca Outono-Morfoloxía Glaciar, As Lagoas”.

Nesta marcha de alta montaña “coñeceremos unha natureza que se prepara para o inverno dentro de toda unha ampla gama de cores, dende os amarelos ata os vermellos. Estas paisaxes conformarán unha imaxe de sumo interese, tanto no cultural como no medioambiental. Ademais, coñeceremos un pouco mellor os diferentes aspectos que interviñeron na formación dos vales e lagoas glaciares das Montañas de Trevinca”, adiantan dende a organización.

Esta actividade principiará ás 10h. cunha charla sobre morfoloxía glaciar no Centro de Interpretación da Montaña de Trevinca na aldea de Ponte (A Veiga). Dende alí os participantes realizarán a partir das 10:30h. un percorrido duns 17,5 km co seguinte traxecto:A Ponte – O Fial – Lagoa de A Serpe – Lagoa de Ocelo – Lagoa de Carrizais – Lagoa de Laceira – Val Glaciar da Morteira – Xares. A clausura desta marcha está prevista para as 16:30h.

As persoas interesadas en asistir poderán anotarse ata o vindeiro venres 8 de novembro ata as 15h. As prazas serán limitadas en atención ás características de grande valor natural do itinerario.

Máis información e inscricións:
https://www.montanasdetrevinca.es/11-morfoloxia-glaciar-as-lagoas-2/

Artigos relacionados

Back to top button