CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Unha mostra sobre o Camiño de Santiago para celebrar “Holywins” no colexio Pablo VI-Fátima da Rúa

Permanecerá exposta no vestíbulo do centro durante dúas semanas aproximadamente

 

Dende Infantil ata Secundaria. Debuxando, pegando ou redactando. Todo o colexio participou dalgún xeito na exposición sobre o Camiño de Santiago coa que o colexio Pablo VI-Fátima da Rúa celebra “Holywins” (xogo de palabras que significa “a santidade vence”) no marco da festividade de Todos os Santos.

A dous meses para que dé comezo o Ano Santo 2021, a mostra fai un percorrido pola historia do Camiño, do Apóstolo Santiago e mesmo da Catedral, explicando ademais unha a unha as diferentes ruta xacobeas recoñecidas oficialmente. Dende a máis longa como é o Camiño Francés que chega a Compostela dende Roncesvalles, ata o Camiño de Inverno que atravesa a comarca de Valdeorras seguindo o curso do río Sil. A mostra complétase con símbolos do Camiño e reproducións de mapas antigos, entre outros datos.

A exposición conta ademais cun guia de excepción, Íker Cardoso Rodríguez de 6º de Primaria, encargado de explicar os pormenores aos seus compañeiros de clase ademais de facer un vídeo para Instagram. Na mañá deste venres 30 de outubro era unha clase de 4º de Primaria a que visitaba a mostra, que permanecerá no vestíbulo do colexio uns quince días aproximadamente.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button