ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Unha multitudinaria Romaría da Tuíza

Esta celebración na honra da Virxe das Neves en Lubián incluía, ademais dos actos relixiosos, unha mostra de artesanía, música e unha degustación de vitela

Superábanse todas as expectativas. Multitude de persoas se reunían na xornada do 27 de setembro para participar na Romaría da Tuíza en Lubián. O programa encetábase a partires das once da mañá coa apertura da Feira de Artesanía de Produtos da Terra, na que ademais de pan, doces e outro tipo de delicias gastronómicas, podían atoparse obxectos de artesanía, e, como novidade, cervexa artesá da zona, pero tamén de Galicia con marcas como A Cova da Serpe, Pardao, Monte Rei ou Bubela.

Outro dos actos de referencia era a procesión, ás 13h., na honra da Virxe das Neves, na que soaba a música da da Banda As Portelas. Xa pola tarde o ambiente animábase e eran moitas as persoas que bailaban e cantaban ao ritmo da orquestra La Oca.

E tras a orquestra, tiña lugar unha degustación de vitela asada ao espeto e preparada por membros do equipo de Karlos Ibarrondo. Os preparativos desta suculenta carne comezaban xa a primeira hora da mañá, en torno ás oito. Iniciábase entón un proceso de asado ao ferro con carbón vexetal de dúas vitelas (unha de 200 quilos e outra de 220) de 12 horas de duración.

As previsións superábanse e as carpas do recinto enchíanse rapidamente, o que obrigaba á organización a improvisar postos para atender aos visitantes, que pagaban tan só un euro pola degustación. “Nas carpas sempre había sitio para a xente, pero este ano non foi así”, explicaba o alcalde de Lubián, Felipe Lubián, que cedía o seu lugar na mesa a outra persoa. O rexedor amosábase satisfeito e sinalaba que “a romería está collendo auxe e tamén axudou o bo tempo. Este ano creo se superaron todas as expectativas”.

Asemade destacaba a gran cantidade de público asistente ás verbenas celebradas en Lubián na noite do 25 de setembro, co grupo Cañón, e na do 26, coa orquestra Panorama. “Foron un éxito. Houbo xente que na noite do 26 de setembro tivo que aparcar a 2 km de onde estaba o espectáculo porque tiñamos a estrada cortada”, engade Felipe Lubián.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button