O acto terá lugar o día 10 de abril en Monforte de Lemos
Entre Amandi, onde están os seus viñedos, e Rosende, onde ten as súas instalacións, se desprega a actividade de Malcavada, unha nova adega que vén de poñerse en marcha no municipio de Sober, na Denominación de Orixe Ribeira Sacra. O seu viño, que sae ao mercado co mesmo nome da adega, darase a coñecer nun acto previsto para o día 10 de abril ás 20h. na viñoteca do Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos.
A presentación estará en mans de Sonia Seijas que estará acompañada do enólogo Luis Buitrón e do sumiller Bruno Lovelle. Malcavada, o primeiro viño desta adega, é un mencía do que se porá á venda unha edición limitada de 2.200 botellas que sairán numeradas.