ConcellosÚltima hora

Unha nova e ilusionada directiva ponse á fronte do Casino do Barco

Un dos principais obxectivos é a captación de socios, así como organizar polo menos unha actividade ao mes

A nova directiva e colaboradores do Casino do Barco. /Foto cedida.

 

Xente “xove, viva, desinteresada e con ganas de que o edificio sexa o que debe ser… o noso casino”, conforma a nova directiva da sociedade, que era presentada na tarde do 16 de febreiro trala asemblea.

Xunto a Pablo Dobao Vega como presidente, están José Carlos Vilor Alonso, vicepresidente; María Josefa Fidalgo Fidalgo, secretaria; Marta Vidal Lameiro, vicesecretaria; Marta Arias Moral, tesoureira; e Roberto Fernández Pérez, vicetesoureiro. Os vogais son: Yahel Martín Valcarce, Daniel Trincado Fernández, Alberto Domaica García e Manuel Prada García. Son os dez membros iniciais aínda que tal como explica o presidente, que xa formaba parte da anterior directiva (á fronte do Casino durante seis anos), de cara ao futuro tamén formarán parte Diego Seco, M. Alejandro Prieto, Juan J. Pardo e Javier Ferrer, “porque neceistamos axuda para todas as actividades que queremos levar a cabo”, asegura Pablo.

Con respecto aos obxectivos para esta nova etapa, a principal é a captación de socios, esencial para que funcione, “e para iso hai que facer cousas e a idea é organizar polo menos unha actividade ao mes”, di Pablo. Actividades de índole moi variada (cultural, social, musical, gastronómica,…) para que os futuros socios interveñan e “sintan que a sociedade si paga a pena”. Tamén esperan continuar e aumentar a colaboración recíproca coas diferentes asociacións, clubs e organismos públicos do concello “para dinamizar a localidade e que a Sociedade Casino sexa partícipe dos actos que se poidan organizar”; así como o aluguer de salas para actos diversos.

De cara ao futuro, a nova directiva potenciará a mellora de instalacións e a súa decoración para adecualas aos novos tempos, igual que os estatutos, esperando ademais fomentar a participación dos non socios en actos “con acceso mediante o abono de entrada”. Ademais, convida a todo aquel que queira a aportar melloras e ideas positivas para este novo proxecto que precisa do seu tempo para obter resultados.

 

Artigos relacionados

Back to top button