En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unha nova publicación aposta por poñer en valor o patrimonio ligado ao Camiño de Inverno

A revista-anuario “Vía Jacobitana: Camino e Invierno” presentábase na tarde do 11 de marzo no Pazo do Castro (O Barco)

O Pazo do Castro (O Barco) acollía na tarde do 11 de marzo a presentación do primeiro número da revista-anuario “Vía Jacobitana: Camino e Invierno”, que edita a Asociación Camiños de Inverno a Santiago pola Ribeira Sacra. No acto interviña a presidenta da citada entidade, Aida Menéndez, que estaba acompañada pola concelleira de Turismo do Barco, Irene Dacal, pola presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias, así como pola reponsable do Pazo do Castro, Montserrat Rodríguez.

Aida Menéndez comezaba explicando que o obxectivo desta publicación é “divulgar o patrimonio material e inmaterial que existe en torno ao Camiño de Inverno a través de voces expertas, das propias comarcas, pero tamén do mundo académico-universitario. Pretendemos poñer en valor a riqueza patrimonial que rodea ao Camiño de Inverno, dende O Bierzo ata O Deza, e sensibilizar e educar sobre ela. Ademais con esta riqueza podemos ter un alicente de cara ao futuro que é o turismo”.

A partir de aí a presidenta da Asociación Camiños de Inverno a Santiago pola Ribeira Sacra contaba a xénese desta revista-anuario e expoñía pormenorizadamente os contidos deste primeiro número cun cento de páxinas. O volume inclúe artigos escritos por diversos expertos en materia de patrimonio como historiadores, arqueólogos ou profesores universitarios. Todos eles centran as súas aportacións en patrimonio relacionado coa Ribeira Sacra, se ben a intención desta publicación é, en vindeiras edición (que podería ver a luz no outono), ampliar esa temática e incluír outras zonas polas que pasa o Camiño de Inverno como é o caso de Valdeorras. Tamén se inclúen diversas actividades levadas a cabo pola asociación que edita o traballo, así como o texto dun peregrino italiano, Fabio Sebastiano, que relata a experiencia vivida no Camiño.

Ao acto asistían diversos membros da Asociación Camiños de Inverno a Santiago pola Ribeira Sacra, que durante a mañá do 11 de marzo realizaban un percorrido polo Camiño de Inverno en Valdeorras, en concreto o treito entre Puente Domingo Flórez (León) e O Barco (16,5 km).

Artigos relacionados

Back to top button