ConcellosO BarcoÚltima hora

Unha obra artística feita con celuloide homenaxeará ao cine no casco vello do Barco

Trátase dun proxecto conxunto do creador barquense Chere e da artista Susana Ferradás, de Bueu, para o Cine Club Groucho Marx

 

Primeiro eran trazos, feitos con rollos de película que, co paso das horas, ían cobrando forma ata configurar unha antiga cámara de cine nun muro da céntrica rúa Real, en pleno casco antigo do Barco. Son as primeiras mostras, que podían xa verse na tarde deste 11 de agosto, dunha obra singular e orixinal obra artística na que se unen o artista barquense Gerardo Rodríguez Ramos “Chere” e a creadora Susana Ferradás de Bueu. Será o seu primeiro traballo conxunto no Barco e o terceiro neste ano en Galicia.

“Poderíamos dicir que é unha pintura-escultura traballada con formato de cine, é dicir, con material de celuloide, tamén imos usar carteis de cine, caixas, os elementos nos que ían enganchadas as películas…. con todo ese material a idea é facer un relevo para o Cine Club Groucho Marx”, explica Chere.

Ademais destaca que podería ser a primeira obra deste tipo a nivel mundial. “Que nós saibamos, non hai nada feito desta maneira, no que se traballe directamente con películas de cine, temos ata 20 km de película e fotogramas, que nos cedeu unha distribuidora, para usar”, adianta o artista barquense.

 

Cedida.

 

A idea é ademais facer estensiva este relevo á parede lateral próxima ao muro no que están traballando neste momento, algo que faría visible a obra dende a pasarela peonil que conecta o casco antigo barquense con Viloira.

Polo tanto, esta orixinal creación que homenaxea ao cine é un proxecto vivo, que aínda está en proceso, algo que xa comprobaban esta tarde os viandantes que percorrían esta zona da vila. O seu resultado desta colaboración suporá unha nova aportación ao arte urbano barquense neste caso con selo local, pero tamén de Bueu.

As tres primeira fotos da galería: A.R. As tres seguintes, correspondentes a momentos iniciais do proceso creativo, cedidas.

 

Cedida.

Artigos relacionados

Back to top button