CulturaCulturaÚltima hora

Unha ollada ás “Alegorías” de “Santi”, pintor con raíces barquenses, medio século despois

Nesta serie de debuxos Santiago Rodríguez, falecido en 2008, incluía xa mascarillas nalgunhas das súas figuras

 

Un dos debuxos de Santiago Rodríguez, datado en 1971./ Imaxe cedida pola familia.

 

Décadas atrás, nunha serie denominada “Alegorías”, o pintor Gregorio Santiago Rodríguez Mas “Santi”, de orixe valdeorresa, xa debuxaba figuras envoltas nunha especie de mascarillas que lles cubrían a cabeza e a parte inferior do rostro. Estes debuxos, datados entre os anos 1970 e 1971, atopábaos nestes días a súa filla Ángeles Rodríguez Capilla, que se sorprendía coa vixencia da temática.

Precisamente unha parte dos debuxos desa serie amosábanse por vez primeira en público na exposición que se realizaba, de forma póstuma, no verán do ano 2010 no daquela Centro Comarcal de Valdeorras, a Casa do Río Cigüeño, no Barco. Era ademais a primeira ocasión na que a obra de Santiago Rodríguez se daba a coñecer na terra orixinaria da súa familia paterna.

 

Outra das obras da serie./ Imaxe cedida pola familia.

 

Este creador nacía en 1919 en Usánsolo (País Vasco), pero os seus avós (Casildo Rodríguez e Paulina Prada) e tamén o seu pai (Santiago) eran naturais da localidade de Vilanova (O Barco de Valdeorras). Con apenas seis anos, un profesor xa lle comentaba que o seu era a pintura e daba no cravo. O seu afán creativo topaba con momentos tan convulsos como a guerra civil. Con 17 anos era reclutado polo bando republicano e logo capturado e levado ao campo de concentración de Corbán (Cantabria). A súa filla lembra como Santiago Rodríguez lle contaba que lles facía debuxos aos presos para que llos mandasen, como se de fotografías se tratase, ás súas familias.

Nove anos despois, o artista era liberado e metíase de cheo no mundo da pintura. Os seus debuxos expoñíanse en diferentes lugares como Alxeciras, Cullera, Soria ou Teruel. En 1954, xa casado, emigraba a Latinoamérica e residía durante 14 anos en Venezuela. Ademais de pintar, chegou a traballar como publicista para varias multinacionais. Xa en 1968 regresaba ao País Vasco, onde se asentaba ata o seu falecemento en agosto de 2008. Foi un recoñecido paisaxista cuxa obra está repartida en diferentes lugares de América Latina e Europa.

 

Santiago Rodríguez Mas nun autorretrato que abría a exposición deste pintor que se organizaba no verán de 2010 no Barco./ Foto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button
Close