EconomíaEconomíaÚltima hora

Unha pista de xeo natural, entre as propostas da campaña de Nadal de AEVER en Verín

A Asociación de Comerciantes de Verín vén de presentar a súa campaña para estas festas, na que conta co apoio do Concello de Verín e da Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (AEHCOM)
Presentación da campaña de Nadal de AEVER./ Foto: Concello de Verín.

A sede da Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER) acollía na mañá do 11 de decembro o acto de presentación das actividades programadas no marco da campaña de Nadal 2018-2019 por parte desta entidade. Este programa ten como finalidade incrementar as vendas e promover o atractivo turístico, cultural e comercial de Verín. A iniciativa conta co apoio do Concello de Verín e da Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (AEHCOM).

Ao igual que o ano pasado, unha das principais atraccións de Nadal no municipio será unha pista de xeo natural, que estará dispoñible do 21 ao 31 de decembro na Praza Maior de Verín. Poderá desfrutarse en horario de 11 a 14 horas pola mañá e de 16 a 22 horas durante a tarde. O prezo da entrada será de cinco euros, podendo reducirse case á metade (desconto de 2 euros) presentando os vales desconto adquiribles nos establecementos pertencentes á asociación de empresarios e comerciantes, AEVER, e nos locais de hostalería que integran a AEHCOM.

Do 5 de decembro ao 2 de xaneiro, a Asociación de Comerciantes de Verín pon en marcha tamén a campaña “Este Nadal fai as túas compras en Verín”, pola que todas as persoas que compren ou consuman nos establecementos asociados a AEVER por un importe superior a 10 euros, entrarán no sorteo de un premio de 1.000 euros. Os vales de participación entregaranse nos propios establecementos socios por cada compra e o premio será entregado, coma todos os anos, ao finalizar a actuación familiar musical “Estrelas Máxicas” da compañía “Menudo Circo”, que terá lugar o 3 de xaneiro, ás 18:30 horas, no Pavillón Municipal de Deportes.

Durante esta gala tamén se entregarán os tres premios do concurso de escaparates de Nadal:

1º premio 150 euros e diploma.

2º premio:100 euros e diploma.

3º premio: 50 euros e diploma.

Na presentación da campaña estiveron presentes o presidente de AEVER, Santos Álvarez, o xerente do colectivo, Xosé Ángel Rodicio, e a concelleira de Turismo, Comercio, Balnearios e Transportes do Concello de Verín, Purificación Caldelas.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button