EditorialOpinión

Unha provincia, tamén gandeira

A provincia de Ourense, cos seus responsables á cabeza, debe traballar máis para aumentar a produtividade do medio rural, neste caso da gandería. Lugo lévanos moita vantaxe

Ademais de viñedo, de castaña, pataca ou producións forestais, no sector primario da provincia de Ourense segue a ocupar un lugar moi importante a gandería. E isto especialmente nas zonas de montaña. Falamos de ovino, caprino e tamén de vacún. Sobre este último tipo de gando, do que existen un total de 2.644 explotacións na provincia, poñemos o foco na ampla reportaxe coa que abrimos este número de novembro. Abordamos a súa importancia como medio de vida e motor económico no rural, pero tamén o seu valor medioambiental ao recuperar e poñer en valor montes que, doutro xeito estarían abandonados e poderían rematar ardendo. É tamén un sector que se reestruturou na última década, que está atraendo a xente nova, freando dese xeito o abandono das aldeas e permitindo a fixación de poboación. E amosamos todo isto achegándonos a algunhas das explotacións de gando de vacún en extensivo que están a funcionar na actualidade no oriente ourensán, boa parte delas en man de xente xove. Pese ás dificultades económicas actuais, estes gandeiros cren que o sector ten futuro e apostan pola produción de calidade.

Esa potencialidade da gandería debería tamén ser tida en conta polas administracións. Os gandeiros piden máis apoios, debido á subida de custes mentres que o prezo da carne se mantén; así como máis facilidades para desenvolver o seu traballo. Pero a maiores disto, tamén sería interesante de cara ao futuro desta actividade, achegarlles asesoramento especializado. Do mesmo xeito que nos concellos existen técnicos de emprego, deportivos ou de animación sociocultural, ¿por que non contar cun técnico en agricultura e gandería, dado o valor económico deste sector?

Nesta edición de novembro, achegámonos tamén á actividade comercial en Galicia, e facémolo da man da directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, nunha entrevista na que analiza o sector na provincia e tamén as liñas que pretende desenvolver dende o seu departamento para impulsalo.
Tampouco pasamos por alto a actualidade do sector vitivinícola, connovas como é a saída ao mercado do primeiro escumoso rosado de Galicia, elaborado por unha adega barquense.

E, entre as moitas referencias culturais deste outono, a reanudación das escavacións arqueolóxicas na necrópole altomedieval de San Vítor de Barxacova ou os 72 petroglifos descubertos no Alto Támega. Neste outono, tamén tocamos o mundo da moda, que tratamos nun mongráfico de 16 páxinas.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button