CulturaCulturaÚltima hora

Unha publicación reúne a obra cerámica de Isaac Díaz Pardo

Está coordinada por Fernando Arribas Arias e Teresa Pena Moreda e recolle reproducións das máis de 350 pezas, ademais de debuxos e bosquexos deste artista

Presentación do volume no Pazo de San Marcos en Lugo./ Cedida.

 

O Pazo de San Marcos de Lugo acollía na pasada tarde a publicación de “A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo”, o catálogo da exposición realizada no Museo de Lugo en 2013, no ano seguinte á morte do artista e intelectual, e comisariada por Fernando Arribas Arias e Teresa Pena Moreda.

A publicación, coordinada por Fernando Arribas Arias e Teresa Pena Moreda, recolle reproducións das máis de 350 pezas que integraron a mostra, ademais de debuxos e bosquexos de Isaac Díaz Pardo, dando conta da evolución creativa da súa cerámica dende finais dos anos corenta do século pasado ata os seus últimos deseños, xa no século XXI.

Ordénanse seguindo unha secuencia cronolóxica que reflicte tamén a evolución creativa, cunha etapa pictórica (1948-1955) na que reprodue nas pezas cerámicas as características da súa obra pictórica tanto nas formas como na súa produción cromática; unha etapa entre os anos 50 e 60 na que entra de cheo no deseño industrial aplicando os novos principios tanto a nivel estético como á concepcion empresarial, con deseños máis abstractos e xeométricos, e que culmina na creación do Laboratorio de Formas xunto a Luis Seoane; e unha terceira etapa, ligada á recuperación de Sargadelos, na que os deseños adquiren forma totalmente anovadoras e supoñen verdadeiros alardes técnicos: deseños modulares e amontoables ou figuras articuladas, nas que chega a empregar ata corenta elementos na súa composición.

 

Outro dos momentos do acto./ Cedida.

 

Ademais da reprodución das pezas, o volume inclúe textos de Camilo Díaz Arias de Castro, Xosé Díaz Arias de Castro, Andrés Varela Martínez e Ramón Villares Paz.

Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo, aseguraba que o volume, editado polo Vicepresidencia da Deputación de Lugo, “dá un novo percorrido a un proxecto que supuxo un fito moi relevante ao ser a primeira gran mostra que se fixo sobre a obra cerámica de Isaac Pardo” e “atende, coida e divulga o legado artístico dunha figura imprescindible da Galiza traballadora, anovadora, moderna e defensora da súa identidade como é a de Isaac Díaz Pardo”.

“As institucións públicas debemos ser as primeiras en comprometernos con ese legado. Como obriga ética, moral e legal”, sinalaba durante a súa intervención no acto, no que tamén participou o fillo de Isaac Díaz Pardo, Camilo Díaz.

 

Artigos relacionados

Back to top button