OurenseÚltima hora

Unha ruta interpretativa para coñecer o xacemento de San Salvador de Todea en Allariz

A iniciativa forma parte do Proxecto Sancti Salvadoris, desenvolvido por membros do Geaat

O xacemento de San Salvador de Todea, situado en Allariz, poderá ser coñecido a través dunha ruta interpretativa. Esta iniciativa forma parte do Proxecto Sancti Salvadoris, desenvolvido por membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo. O xacemento está composto por un castelo en fundación alto medieval e unha necrópole escavada na rocha a escasos metros da aldea de San Salvador dos Penedos, no Concello de Allariz.

 

Paneis informativos colocados polo Geaat.

 

Baixo a dirección dos arqueólogos Adolfo Fernández e Patricia Valle e coa colaboración do Concello de Allariz, o proxecto pretende estudar e valorizar este enclave. Grazas ás tres intervencións sucesivas de escavación e restauro realizadas e a posta en marcha deste roteiro, indican desde o grupo de investigación, “agora pódese visitar o xacemento seguindo un percorrido interpretativo que parte da aldea de San Salvador e visita os restos do castelo de Todea, a súa necrópole altomedieval asociada e outros elementos naturais e paisaxísticos, como a fonte do Ouver”.

Os visitantes poden informarse da historia do xacemento e do proxecto ao longo do percorrido, de algo máis dunha hora de duración, nos paneis informativos. Para a sinalización da ruta, o Geaat encargou a Iago Araújo un debuxo que recrea o castelo de Todea no século XIV. “A recreación fíxose en base á planimetría orixinal e ao seu emprazamento, é dicir, con rigor científico”, comenta Adolfo Fernández.

Artigos relacionados

Back to top button