ConcellosÚltima hora

Unha senda peonil facilitará o acceso á nova estación do AVE na Gudiña

Desenvolverase pola marxe esquerda da estrada OU-533, desde o paso baixo o ferrocarril ata as proximidades da futura terminal Porta de Galicia

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de construción dunha senda peonil na estrada OU-533 para facilitar o acceso á nova estación do AVE, no concello da Gudiña. Estas actuacións, adxudicadas á empresa Consernor S.L., comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de tres meses.

“Os traballos consistirán na construción dunha senda de formigón pola marxe esquerda da estrada OU-533, desde o punto quilométrico 0+070, no paso baixo o ferrocarril, ata as proximidades da localización da futura estación Porta de Galicia”, segundo informa a Consellería de Infraetruturas.

O itinerario terá unha anchura de 2,50 metros desde o inicio e ata o punto onde abandona a marxe da estrada e pasa a discorrer máis afastada, aproveitando a antiga calzada, onde, ao dispoñerse de máis espazo, se ampliará ata os 3 metros.

Este proxecto mellora a accesibilidade á nova estación, “se ben cómpre que se resolva a súa continuidade por parte de ADIF nos terreos internos da terminal e no paso inferior, que provoca un estreitamento e unha redución de gálibo que debe ser solucionada. A Xunta xa lle trasladou esta cuestión a ADIF, sen ter obtido ata agora resposta positiva”, tal e como se indica dende a administración galega.

Artigos relacionados

Back to top button