OurenseÚltima hora

Unha sentenza do Contencioso obriga ao Concello a convocar oito postos de traballo

Na Xunta de Goberno mantida hoxe acordouse tamén destinar 100.000 euros a Cáritas e 5.000 ao Banco de Alimentos
Salón de Plenos do Concello de Ourense.

O Concello de Ourense celebrou hoxe a Xunta de Goberno Local na que se trataron 24 asuntos achegados polas diferentes concellerías e servizos municipais, dous deles fóra da orde do día.

No eido da avogacía do consistorio, o máis salientable foi a sentenza do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense, a cal condena ao Concello de Ourense a convocar a provisión definitiva de oito postos de traballo mediante o sistema de concurso establecido na RPT. En concreto os postos a cubrir son os de coordinador de perímetro rural, conservación viaria e mobiliario urbano; Capataz electricista; Xefe de sección de contratación; Xefe de departamento de licenzas de actividades e aperturas; Xefe de sección de licenzas urbanísticas; Xefe de negociado de termalismo e Capataz de Xardineiro.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asegurou que esta sentenza non é firme e que o Concello “vaina recorrer para gañar tempo”. O rexedor municipal resaltou que precisamente por esta situación o Goberno Local aprobou o proxecto de regulamento para a provisión de postos de traballo na Xunta de Goberno do pasado 27 de outubro. Este folio é un documento que pretende “a regularización, a través dos concursos, da irregular situación de provisionalidade na que se atopa a gran maioría de funcionarios”, recordou Vázquez, que tamén aproveitou a ocasión para lembrar que esta proposta foi apoiada “por todas as forzas sindicais” (CIG, CSIF, UGT, USO, CCOO) e coa abstención do sindicato policial SPPME.

En cambio os grupos da oposición botaron para atrás este acordo “presentando unha enmenda á totalidade”, asegurou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen agradeceu a súa colaboración aos sindicatos pola súa disposición para o negociado.

Sen saír da parte laboral. Dende a Xunta de Goberno mantida hoxe anunciaron que se aprobou a modificación do Plan de Prevención de Riscos Laborais do Concello. “O Concello conta agora cun novo e actualizado plan de prevención de riscos laborais e un procedemento para evitar o acoso laboral”, informou Jesús Vázquez. Estes dous aspectos foron tratados na xuntanza mantida o pasado 7 de decembro no Concello polo Comité de Seguridade e saúde.

Dentro da área Social, o Concello destina 105.000 euros a esta materia. Concretamente, 100.000 irán para Cáritas e 5.000 para o Banco de Alimentos.

No campo das Licenzas Urbanísticas de Actividade, Apertura e Disciplina aprobouse unha licenza de obra para o proxecto de execución dun edificio con destino a vivendas da rúa Puente Codesal, composto de planta soto para garaxe-aparcamento, planta baixa para locais e elementos comúns e catro plantas a maiores cun total de nove vivendas, en solo urbano consolidado.

Nesta materia tamén hai que salientar que a Xunta de Goberno Local deu conta da denuncia por colocación de carteis anunciadores nas rúas Paxaro, Viriato, Avenida de Santiago, Río Corzos, San Pedro e Juan de Austria. Por este motivo imporase un expediente sancionador ao responsable da organización do evento “por incumprir o establecido nos artigos 4.1 e 20 da Ordenanza municipal reguladora da publicidade exterior mediante carteis, cartelerías ou valos publicitarios”.

No eido de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local aprobou a ordenación decrecente das ofertas presentadas para construír os accesos ao Centro de Saúde de O Couto.

Sanción da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil abriulle un expediente ao Concello por verquidos residuais nos núcleos de Casardomato, Palleiro e A Gulpilleira. Por este motivo o consistorio vai solicitar explicacións a Viaqua polos danos causados por realizar estes verquidos sen autorización administrativa e que adopte as medidas oportunas para que cese o incumprimento.

En materia de contratación, o primeiro asunto foi a aprobación do expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o Servizo de Limpeza de Dependencias Municipais. Este servizo ten un importe anual de 1.134.779, 19 euros.

Outro dos asuntos tratados hoxe foi a subrogación do contrato do servizo de tratamento e eliminación de mobles, aparellos e outros residuos voluminosos con Estevez Container Orensanos S.L.U (ESCOR) e requirirlle á empresa que achegue o cambio de titularidade na autorización como Xestor de Residuos non Perigosos expedido pola Xunta de Galicia para o centro de traballo no que se preste este servizo.

Por outro banda, declarouse deserta a contratación, mediante procedemento aberto, do arrendamento dun inmoble para a cesión do seu uso á A.VV. Parque Barbaña. A única oferta presentada non achegou a documentación que se lle requiría a tempo e forma.

Artigos relacionados

Back to top button