EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Unha tese desenvolve modelos de predición para optimizar a produción de viño no Ribeiro

Este traballo foi realizado pola investigadora da Universidade de Vigo, Estefanía González

Estefanía González é investigadora do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos da UVigo./ Foto: DUVI.

 

A investigadora da Universidade de Vigo Estefanía González desenvolve na súa tese doutoramento, presentada este curso na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, diversos modelos de predición para o control de enfermidades no cultivo da vide baseándose nas interaccións planta-patóxeno-ambiente e no estudo dos factores influentes na produción final de uva, como son as variables aerobiolóxicas, meteorolóxicas e morfolóxicas-florais da vide. A metodoloxía proposta explicaría nun 98,9% a variabilidade dos datos de produción de uva cunha antelación de aproximadamente dous meses con respecto á colleita, segundo informa a Universidade de Vigo.

Este traballo, titulado “A optimización da produción de Vitis vinifera na Denominación de Orixe Protexida (DOP) Ribeiro”, foi dirixida por Francisco Javier Rodríguez Rajo e María Fernández González e desenvolvido no marco da liña de traballo neste eido do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da UVigo, concretamente no grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos.

Esta investigación nace nun contexto no que “é necesaria a adaptación do sistema agrícola ao contexto actual de cambio climático para proporcionar unha maior flexibilidade e capacidade de resposta aos agricultores, incluíndo medidas como a predición da colleita, a detección de momentos de risco potencial de infección nos cales é necesaria a aplicación de tratamentos fitosanitarios e a identificación de factores influentes no estado do cultivo”, segundo a súa autora.

A aplicación destas medidas para a xestión do cultivo, engade a xa doutora, “conduce a unha produción máis sostible e a un incremento da eficiencia no consumo de recursos, o que aumenta a produtividade e fortalece a capacidade de adaptación a eventos meteorolóxicos extremos, ao mesmo tempo que se incrementa progresivamente a calidade ambiental”.

O estudo levábase a cabo nun viñedo do municipio de Cenlle, que pertence á Denominación de Orixe Ribeiro, comprendendo o período de estudo de 2016 a 2019. As variedades de vide analizadas foron Treixadura, Godello, Loureira e Albariño, todas elas brancas preferentes desta denominación. Tamén se realizaban observacións fenolóxicas en 22 plantas de cada variedade considerada; estudos de produción polínica e de fertilidade vexetal en dez plantas seleccionadas de cada variedade no viñedo de estudo e a recollida de datos meteorolóxicos da estación de MeteoGalicia de Leiro.

Ao longo do seu traballo Estefanía González analizou o comportamento reprodutivo das variedades de vide seleccionadas, a distribución de patóxenos no viñedo e identificou indicadores bioclimáticos para os patóxenos estudados.

En base aos factores estudados con influencia sobre a colleita final, sinala Estefanía González, “desenvolvemos un modelo de predición capaz de predicir a colleita final de uva para a variedade Godello, considerando variables aerobiolóxicas, meteorolóxicas e variables morfolóxicas-florais relacionadas coa produción de pole por planta e os procesos de liberación de pole, así como características determinantes do pole implicadas na fertilidade vexetal, como a viabilidade dos grans de pole ou a súa capacidade de xerminación”.

O modelo obtido, engade, utilizou as variables meteorolóxicas e morfolóxicas-florais que mostraron a maior influencia na colleita, “explicando o 98,9% da variabilidade dos datos de produción de colleita e mostrando un gran axuste entre os valores reais e os preditos”.

Froito do traballo de campo realizado e dos datos recollidos, na tese proponse unha metodoloxía e modelos de predición que explican “unha elevada proporción da variabilidade dos datos de produción de uva e que ademais ofrecen estes resultados cunha antelación de aproximadamente dous meses con respecto á colleita, o cal permite a organización e optimización das tarefas de manexo do cultivo, vendima e traballos de adega, a contratación de seguros agrarios e a detección de posibles fraudes pola introdución de uva foránea na Denominación de Orixe”.

Ademais, destaca Estefanía González, “o modelo proposto supón un valioso recurso que permite considerar a variabilidade da produtividade do cultivo asociada aos impactos de cambio climático, posto que ten en conta os principais factores meteorolóxicos e variables morfolóxicas-florais que afectan á colleita final de uva”.

Artigos relacionados

Back to top button