CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Unha trintena de alumnos do instituto “Santiago Apóstol” de Bos Aires visitan a Deputación

Os rapaces foron recibidos no Salón de Plenos polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e estiveron acompañados polo presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar
Manuel Baltar, con alumnos do Instituto Santiago Apóstol, no Pazo Provincial.

Unha trintena de alumnos e profesores do Instituto arxentino-galego “Santiago Apóstol” de Bos Aires, que están a realizar unha viaxe de estudos a Galicia visitaron hoxe, 2 de outubro, o Pazo Provincial da Deputación de Ourense onde foron recibidos polo presidente do Goberno provincial, Manuel Baltar no Salón de Plenos.

A visita da promoción de 2017 deste centro formativo ten como obxectivo seguir estreitando lazos galegos cos estudantes para dar a coñecer as súas raíces dos seus devanceiros así como a actual realidade social e cultural de Galicia, apuntan dende a Deputación. Na súa visita, os estudantes estiveron acompañados polo presidente do PEN Galicia, o escritor Luís González Tosar.

Manuel Baltar agradeceulles “que sigades mantendo viva a nosa lingua e as nosas tradicións a milleiros de quilómetros da nosa terra, nese país irmán que é Arxentina, desde onde seguides facendo Ourense e Galicia con diálogo e convivencia, á vez que innovando para o progreso dos nosos territorios”.

Manuel Baltar destacou “as características do noso pobo: traballador, creativo e emigrante, á vez que valente”, e falou da singularidade da provincia de Ourense, que tanto valor humano, histórico, etnográfico e cultural ten achegado, citando a persoeiros como Blanco Amor, a riqueza termal da nosa provincia, “o territorio de Europa con máis capacidade en augas termais”, e subliñando o labor intelectual de Luis González Tosar, “integrante da Academia Arxentina das Letras, feito que tamén contribúe a posicionar a Ourense”. “Desde a provincia máis internacional de España, Ourense, que conta co maior número de quilómetros de fronteira (219, con Portugal), agradézovos este momento emotivo da vosa visita”, expresou o presidente.

Pola súa banda, González Tosar díxolles aos alumnos que sempre “seredes expertos en galeguidade, o que axudará a seguir mantendo ese vínculo tan estreito entre os nosos territorios, entre unha terra xenerosa e plural como Arxentina, que recibiu cos brazos abertos a moitos ourensáns e galegos”.

Artigos relacionados

Back to top button