CulturaCultura

Unha trintena de asociacións e fundacións de escritores de España e Portugal participan esta semana no encontro anual

As fundacións ourensás Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Blanco Amor e Insua dos Poetas son os promotores do evento
Cartel do encontro anual.

Desde mañá 17 de outubro e ata o próximo venres día 19, o Liceo de Ourense, a Casa dos Poetas de Celanova, a Insua dos Poetas do Carballiño e o Pazo de Trasalba serán escenario dunhas xornadas nas que participarán unha trintena de casas museo e fundacións de escritores de España e Portugal: o encontro anual da Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores de España.

As Fundacións Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Blanco Amor e Insua dos Poetas son os promotores dun evento que arranca na cidade das Burgas. O Liceo de Ourense será escenario, mañá mércores, da primeira xornada da xuntanza que cumpre este ano o 25 aniversario. Comezará ás 9:30 horas coa presentación, en dous bloques, de distintas fundacións e casas museo ourensás e do resto de Galicia que aínda non forman parte de ACAMFE ou que formaron parte nalgún momento da súa traxectoria e acordaron volver incorporarse ó colectivo. Ás 11 horas terá lugar a conferencia central da xornada na que participará o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o profesor da Universidade Autónoma de Barcelona, Jordi Treserres, director así mesmo do Plan Estratéxico Cultural de Provincia de Ourense, que abordarán a proposta de futuro da provincia como espazo creativo no ámbito literario.

Xa pola tarde, contando coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o Presidente de ACAMFE, Ibón Arbaiza (da Fundación Blas de Otero de Bilbao) faralle entrega ao presidente do Liceo, Javier Casares, dunha placa de bronce, obra do escultor Pedro Quesada, coa consideración por parte da Asociación do Liceo como “Espazo Literario, atendendo á súa traxectoria histórica relacionada coa literatura, non só ourensá ou galega, senón tamén nacional e internacional”. Un percorrido conxunto polos roteiros litararios da Esmorga e de Carlos Casares, guiados por Afonso Vázquez Monxardín e Luis González Tosar, poralle fin á xornada.

A xornada do xoves estará dedicada na súa integridade a Celanova, mentres que o venres, os representantes das Casas Museo e Fundacións de Escritores terán a oportunidade de coñecer o espazo literario singular da Insua dos Poetas, así como o Pazo de Trasalba e afondar no coñecemento da figura insigne de Otero Pedrayo, da man do presidente da Fundación, Juan Antonio Saco.

Artigos relacionados

Back to top button