DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Unha trintena de socios asisten á asemblea xeral do C.D. Barco

A directiva anunciou que estudarán tomar medidas se a Deputación non atende ás súas reivindicacións sobre a subvención

Fieis á cita anual, a directiva do C.D. Barco celebraba na tarde-noite do 9 de outubro a asemblea xeral para informar aos socios sobre a situación e novidades do club.

As contas foron coma sempre o primeiro punto da orde do día e tal como explicaron dende a entidade presidida por Daniel Ramos dende hai case 14 anos, están saneadas e cun pequeno superávit, lamentando unha vez máis a ausencia de grandes patrocinios do sector da lousa. “O resto de clubs pensan que somos ricos porque aquí está “o ouro negro” pero en realidade temos o patrocinio dalgúnha canteira pero de momento dende o Clúster da Pizarra non nos responderon”, aseguraron diante da trintena se socios presentes.

Na mesma reunión, o presidente do club explicou que as novas equipacións, que xa están á venda e non gustan a todo o mundo (algún socio asegurou que a cor azul fai lembrar ás camisetas do Barça), son unha homenaxe ao río Sil e á xente do Barco, con especial mencion ao club de piragüismo que tantas alegrías lle ten dado ao pobo.

Nilo tamén aproveitou a ocasión para falar sobre o Real Decreto de Fútbol, no que está implicada a Federación, aínda que o principal tema a debate na tarde foi o concerniente á controversia sobre as subvencións por parte da Deputación de Ourense que “non son equitativas”, asegurou o presidente, engadindo que durante moitos anos estiveron calados porque non había cartos para ninguén pero agora, mudou a situación e por citar algún exemplo, o Nogueira de Ramuín que milita en 1ª Galicia, recibe 19.000 euros fronte aos 5.000 que percibe O Barco. Aseguran que non van en contra do PP nin de ninguén, de feito considéranse un club apolítico e oxalá atopen unhas solución. “Creo que a Deputación ten que empezar a pensar que Ourense somos todos”, dixo, adiantando que en breve reuniranse co asesor deportivo Bernardino González pero, no caso de que non atentan as súas reivindicacións (un reparto equitativo entre os clubs), tomarán unha serie de medidas. A primeira será repartir 5.000 pulseiras de repulsa; a segunda parar durante 1 minuto os partidos da base; e por último parar os do equipo de terceira, algo que esperar non ter que chegar a facer, porque conlevará consecuencias no xogo.

Entre as novidades do club para esta tempada, está a creación por primeira vez dun equipo alevín. A ese respecto, o presidente asegurou que debido ao aumento de equipos están tendo problemas no Campiño de Viloira que lle transmitirán ao Concello. “Como os adestramentos acaban tan tarde, necesitamos algún foco de luz máis e tamén máis vestiarios porque só hai dous e agora no equipo alevín tamén hai nenas”, explicou Nilo, adiantando que este ano daranlle un pulo ao banco de botas usadas que xa leva un tempo funcionando, para que todo aquel que non se poda permmitir comprar unhas novas, poda xogar igualmente. Tamén de falou dos Días do Club que en teoría serán os que Calabagueiros reciba á UD Ourense, ao Compostela e pode que ao Ferrol.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button