EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Unha vianesa na primeira promoción de “mulleres rurais pilotos de drons para agricultura de precisión”

A gandeira María Páez era a única ourensá nesta acción formativa organizada a nivel estatal por Fademur

 

Aproveitar os avances tecnolóxicos como os drons para superar a desigualdade de xénero no sector agrario. Con este obxectivo a Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (Fademur) vén de organizar neste mes de novembro un curso de pilotaxe de drons destinados á agricultura de precisión, con prazas limitadas e dirixido unicamente a mulleres rurais, tendo en conta que “só o 1% das persoas que pilotan drons son mulleres”, segundo esta entidade.

Este curso, que tivo unha excelente acollida e financiado polo Ministerio, contaba con alumnas de diferentes puntos da xeografía española, entre elas a gandeira vianesa María Páez, era a única ourensá participante e unha das dúas galegas. A parte teórica facíase de forma telemática e a práctica completábase o 11 de novembro cunha práctica de voo no aeródromo de Camarenilla (Toledo).

Ao longo da formación, as participantes non só aprendían a pilotar os aparellos, tamén se iniciaron na interpretación e análise de indicadores agrícolas a partir de imaxes multiespectrales obtidas con equipos RPAS.

 

 

A vianesa María Páez fai un balance moi positivo desta formación. Ademais destaca as posibilidades que supón este tipo de tecnoloxía para gandeiros e agricultores. “Eu como gandeira podo ver, por exemplo, por onde andan as vacas, por onde non, estar véndoas en sitios inaccesibles para min e para o coche. Un dron facilítache moito a maneira de traballar na gandería eu creo que vai ser importante. No caso da agricultura para ver o posible aproveitamento das parcelas, facer fotodetección, fotos térmicas, para cuestións de regadío…”.

Pero fronte ás vantaxes que supón un dron, tamén apunta inconvintes, o seu custo, e “aí creo que a Administración tennos que botar unha man. Gandeiros e agricultores estamos preparados para usar as novas tecnoloxías e facilítannos o noso traballo, o problema son os prezos. Son investimentos moi grandes”, conclúe.

Fotos: Cedidas/Fademur.

Artigos relacionados

Back to top button