EconomíaEconomíaViticultura

Unha vintena de adegas daranse cita no IV “Ribeiro Winefestival”

O festival celebrarase os días 11 e 12 de agosto e maridará o viño do Ribeiro coa música de raíz e gastronomía [/drocpap]

O festival celebrarase no Parque Náutico de Castrelo de Miño. // Foto: Carlos Asensio.

Castrelo de Miño volve maridar este ano o Ribeiro con música e gastronomía na cuarta edición do “Ribeiro Blues Winefestival”, que se celebrará no Parque Náutico desa localidade nos días 11 e 12 de agosto. Na presentación de hoxe, 1 de agosto, o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, sinalou que “xa que a viticultura é a nosa principal actividade temos que fomentar este tipo de festivais”.

Así, un total de 24 adegas e os colleiteiros, “tanto de Castrelo coma da propia D.O.”, explicou o rexedor, terán o seu posto neste festival que se mesturará con Food Trucks e a oferta musical que arrancará o 11 de agosto coas actuacións de “The Soul Jacket”, “Fatzilla e Greenwater”. No sábado 12 de agosto, no escenario estarán “Shirley Davies & The Silverbacks”, “Los Fabulosos Weekend” e “Spanish Castle Magic”. Ambas xornadas finalizarán cunha sesión Dj a cargo de “Peón Kurtz Dj Set”.

Segundo indicou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, “esta cuarta edición consolídase cunha cita coa cultura que nos achega algunhas das mellores propostas nacionais e internacionais da chamada música negra ou de raíz”. Asemade, o vicepresidente sinalou que este evento “é unha idea innovadora para promover un dos sectores económicos estratéxicos da provincia”.

A entrada ao festival é totalmente gratuíta pero, os que queiran gozar dos viños, deberán pagar un boleto de 10 euros que lle dá acceso a todos os postos das adegas. Ademais, o Concello porá a disposición do festival o seu catamarán para que as propias adegas “organicen catas dentro da embarcación mentres a xente goza da música”, explicou o alcalde, Xurxo Rodríguez.

Tras a presentación, as autoridades fixeron un brinde co viño do ribeiro amenizado coa música de Toño López e Guillermo Gagliardi, do grupo “The Soul Jacket”.

Brinde de Rosendo Fernández e Xurxo Rodríguez tras a presentación. // Foto: Carlos Asensio.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button